O Programa Integrado de Emprego de Ribeira vén de completar unha nova acción formativa centrada na cociña colectiva, na que participaron un total de 15 persoas. O curso, cunha duración de 35 horas, enmárcase na terceira edición desta iniciativa orientada a mellorar a empregabilidade da veciñanza.

O acto de entrega de diplomas contou coa presenza da concelleira de Promoción Económica, Carmen Pérez, acompañada pola edil de Educación, Nucha Brión, quen destacaron o bo desenvolvemento do programa e o aproveitamento que está a ter entre os participantes á hora de adquirir competencias para o mercado laboral.
Nos vindeiros días está previsto que rematen outros cursos incluídos no programa, como os de ofimática, técnicas administrativas e mobilización de enfermos, todos eles tamén dirixidos a grupos de 15 persoas. As accións formativas desenvolveranse entre a Aula CeMIT e as instalacións de Cristóbal Colón en Ribeira.
Este Programa Integrado de Emprego iniciou a súa andadura no mes de outubro e estenderase ao longo de doce meses, ofrecendo orientación personalizada, formación e intermediación laboral, ademais da posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais.
A iniciativa conta coa participación dun cento de persoas desempregadas da comarca, procedentes de municipios como Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Porto do Son. O programa establece un compromiso de inserción laboral do 45%.
Está promovido polo Concello de Ribeira e conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e do Servizo Público de Emprego Estatal.




