
Reproducimos aquí o texto de adhesión do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, á iniciativa veciñal para recoñecer o legado e a memoria de Quico Domínguez en Ribeira.
Tiven a enorme fortuna de coñecer a Francisco Quico Domínguez e mesmo de compartir con el distintas tarefas no ámbito da cultura. Quico foi e seguirá sendo un referente para todos os galegos e as galegas de ben pola súa xenerosa e abnegada contribución ao desenvolvemento e promoción de iniciativas que tiveron sempre como facho e guieiro a lingua e a cultura de noso.
O seu compromiso co país ao longo da súa traxectoria vital tanto no eido persoal coma no profesional representa un exemplo de entrega que merece ser lembrado e posto en valor.
Por iso, práceme manifestar o meu apoio á creación dun espazo público que leve o seu nome, na convicción de que este proxecto, promovido por Andrés Fariña, Xosé Manuel Gago Domínguez, Pura Gago Domínguez e Santos Oujo Bello, servirá para honrar a súa memoria.
Xa que logo, animo ao Concello de Ribeira que teña a ben valorar favorablemente esta proposta que, sen dúbida, contribuirá a preservar e difundir a lembranza dun ‘bo e xeneroso’, un legado de relevancia innegable para Ribeira e para toda Galicia.
A Coruña, 23 de abril de 2026
Henrique Monteagudo
Presidente da Real Academia Galega



