O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal pecha maio cunha notable afluencia de público e consolida a tendencia alcista que vén rexistrando desde comezos de 2026.
Entre xaneiro e maio pasaron polo centro 1.145 persoas, con visitantes procedentes sobre todo de Galicia, Madrid e outras comunidades do norte peninsular, así como de países como Escocia, Portugal, Venezuela, EE.UU., México, Arxentina ou Alemaña.
A Torre de Bermúdez continúa así a atraer público individual, familiar, escolar e turístico, nun contexto no que o museo destaca o seu papel como recurso cultural e patrimonial de referencia na comarca do Barbanza.
Neste mes tamén recibiu a visita de 36 rapaces e familiares vinculados ao Trofeo Internacional Congalsa solidaria de fútbol base, chegados desde clubs de New York e Dubai, nun encontro no que foron atendidos polo persoal do museo e cunha explicación guiada en inglés.




