Boiro acollerá por primeira vez o festival internacional “Pint of Science”, unha iniciativa que busca achegar a ciencia á cidadanía nun ambiente distendido e accesible. O evento celebrarase os días 18, 19 e 20 de maio en diferentes locais hostaleiros do municipio, onde investigadores e especialistas compartirán coñecementos de distintas áreas mentres o público desfruta dunha experiencia próxima e informal.

As sesións terán lugar nos establecementos O Furancho, The Gin Lab e a Cervexería Gilligans, que se converterán durante tres xornadas en puntos de encontro entre ciencia e sociedade. En total desenvolveranse seis charlas impartidas por investigadores de primeiro nivel, co obxectivo de facer a ciencia máis comprensible e atractiva para todos os públicos.
O festival naceu en 2012 no Reino Unido impulsado por investigadores e, desde entón, expandiuse internacionalmente. En España celébrase desde 2015 e reúne cada ano centos de actividades simultáneas en numerosas cidades.
A programación en Boiro abordará cuestións relacionadas coa neurociencia, a física, o medio ambiente, a tecnoloxía, a saúde ou a sociedade. Entre os temas previstos figuran as mareas do Furado, os buracos negros, a saúde mental, a intelixencia artificial ou o impacto da contaminación nos ecosistemas mariños.
As charlas comezarán ás 20.00 horas e estarán abertas ao público interesado, coa intención de crear un espazo diferente no que aprender, debater e compartir coñecemento científico dun xeito próximo e entretido.



