A Vía Querinissima, itinerario cultural inspirado na viaxe de Pietro Querini do que forma parte o Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia, xa é Itinerario Cultural Europeo. Así o acordou a Xunta de Goberno do Acordo Parcial Ampliado sobre Itinerarios Culturais do Consello de Europa reunido o pasado 7 de maio en Luxemburgo, tras corroborar que cumpre cos criterios de certificación incluídos na Resolución CM/Res (2023) do Comité de Ministros do Consello de Europa.
Luís Oujo, presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e da Ría da Estrela, considerou a respecto da dita distinción que “hoxe é un día importante para Galicia, que suma o seu sétimo itinerario cultural europeo, 39 anos despois de que o Camiño de Santiago fora a primeira ruta europea en conseguir esta distinción”.
Oujo engadiu que este recoñecemento “pon en valor o traballo realizado nestes últimos anos polos integrantes da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, en especial polos meus predecesores Santiago Freire e Teresa Villaverde, que lle deu o derradeiro empurrón que necesitaba a Vía Querinissima para facerse con este recoñecemento”.

O alcalde de Porto do Son trouxo a colación o apoio do presidente da Asociación Vía Querinissima e do Consello Rexional do Véneto, Roberto Ciambetti, tanto durante FITUR 2026 como na súa última visita a Galicia coincidindo co VI Fórum do Camiño de Santiago “Fairway”, dous eventos nos que foi promovida a candidatura da Vía Querinissima como Itinerario Cultural Europeo e se puxo en valor que esta ruta, que implica a máis dunha decena de países, contase cun tramo do Camiño de Santiago. “Unha incorporación que finalmente doulle o impulso que necesitaba esta candidatura despois de case unha década de intenso traballo por parte dos seus distintos integrantes”, salienta Luís Oujo.
Neste sentido, Luís Oujo trasladou a súa felicitación a Roberto Ciambetti, así como ao vicepresidente Arne Ivar Mikalsen; á directora Nicoletta Martorana; e a Stefano Agnoletto, presidente do Comité Científico, “persoas que desempeñaron un papel decisivo durante todo o proceso que culmina agora con este recoñecemento e persoas coas que nos temos reunido en distintas ocasións e que xa teñen visitado o noso Camiño”.

Pola súa banda, Roberto Ciambetti declarou que “este recoñecemento marca un momento histórico para Vía Querinissima e para todos aqueles que creron neste proxecto dende o principio. É o resultado dun esforzo colectivo que xunta territorios, coñecementos e visións baixo o estandarte da cultura europea”.
Unha certificación que abre agora unha nova fase de desenvolvemento para a Vía Querinissima, co obxectivo de fortalecer aínda máis as colaboracións internacionais, promover iniciativas culturais e turísticas sostíbeis, realzar os territorios implicados e difundir os valores europeos a través dun patrimonio histórico e cultural compartido e inspirado no legado de Pietro Querini.

Singularidade da Vía Querinissima
Os Itinerarios Culturais Europeos son unha iniciativa do Consello de Europa para crear un vínculo entre a cidadanía europea e o seu patrimonio cultural. Trátase de rutas entre lugares de especial interese histórico e turístico que promoven o enriquecemento mutuo e o intercambio, ao tempo que facilitan a conciencia dunha identidade europea común. Algo que quedou patente en 1987, data na que o Camiño de Santiago se converteu na primeira ruta en conseguir esta distinción.
Dende esta semana, Galicia suma sete Itinerarios Culturais Europeos: o Camiño de Santiago (1987), o Gran itinerario cultural de viquingos e normandos (1993) e catro máis en 2010 como son o Itinerario europeo dos cistercienses, a Ruta Europea dos Cemiterios, os Camiños da Arte Rupestre Prehistórica e a Ruta Europea do Patrimonio Termal e das Cidades termais.
A incorporación en 2026 do Camiño da Ría de Muros Noia supón a segunda ruta xacobea e a primeira na que se inclúe un camiño marítimo.
A resolución foi comunicada o pasado 13 de maio a Roberto Ciambetti por parte de Rui Gomes, secretario executivo do Acordo Parcial Ampliado sobre Itinerarios Culturais do Consello de Europa, quen informou tamén que nos próximos días enviarán toda a información e material de identidade corporativa para incorporar á Vía Querinissima como Itinerario Cultural Europeo. Así mesmo, Gomes trasladou “a felicitación a todos os membros da Vía Querinissima pola súa certificación como Itinerario Cultural Europeo e agradecer aos seus representantes a súa presenza e presentación realizada durante a reunión da Xunta de Goberno do Acordo Parcial Ampliado sobre Itinerarios Culturais do Consello de Europa”. Finalmente, Rui Gomes sinalou que a cerimonia de entrega deste recoñecemento terá lugar durante un encontro que terá lugar do 22 ao 25 de setembro de 2026 en Yerevan, Armenia.



