
O Concello de Rois cederalle á Asociación AMIPA a antiga escola unitaria de Sorribas para que poida crear neste edificio municipal un centro de día con dez prazas para persoas con discapacidade. “Trátase dun proxecto moi importante”, dixo o alcalde, Ramón Tojo, “que sae adiante grazas ás xestións do equipo de Goberno diante da Consellería de Política Social, que financiará este centro de día”. Na sesión tamén se aprobou a desafectación inicial dun camiño en Ferreiros (Costa) e trasladarlle o pésame da Corporación e de toda a veciñanza á familia do finado profesor Lois Aldegunde.
Esta cesión do local á Asociación Amipa é posible unha vez que o Pleno aprobou por unanimidade na sesión extraordinaria deste mércores 27 de maio que tanto a unitaria de Sorribas como a da Peruca deixen de estar adscritas ao servizo público de educación e queden a disposición do Concello. Esta petición foi aprobada este mesmo mes de maio pola Consellería de Educación a petición do goberno local.
Ramón Tojo explicou que agora o Concello de Rois asinará coa Asociación Amipa “un convenio de cesión da unitaria de Sorribas” para que poidan acometer alí “un proxecto de servizos sociais moi importante”. Trátase dun centro de día destinado a persoas con discapacidade, con capacidade para dez prazas que será financiado pola Consellería de Política Social e xestionado por AMIPA de forma complementaria ao centro ocupacional que xa ten na reitoral desta parroquia.
Polo que respecta á antiga unitaria da Peruca, Ramón Tojo explicou que queda a disposición do Concello e que se poderá destinar aos usos que se considere oportuno máis adiante. Na actualidade, este local está sendo utilizado polo Club de Pesca Deportiva Londra.
Na sesión extraordinaria tamén se aprobou a desafectación inicial dun camiño en Ferreiros, que fora solicitada por Primitivo Sayanes Pan. O pasado mes de marzo, este veciño pediulle ao Concello facer unha permuta dun tramo dun camiño existente no lugar de Ferreiros (parroquia de Costa), cunha superficie total de 129 metros cadrados e que non se está usando.
Na proposta o veciño propón cederlle ao Concello dúas franxas de 69 e de 23 metros cadrados para mellorar a accesibilidade doutros dous camiños públicos preto do anterior. A maiores, Sayanes Pan fará unha achega económica de 1.150 euros ao Concello. O informe técnico solicitado polo equipo de Goberno considera que a permuta é beneficiosa para o Concello.
A desafectación deste camiño será sometida a exposición pública durante o período dun mes, para que as persoas interesadas poidan presentar suxestións ou alegacións.
Este punto foi aprobado cos votos a favor do PP (7) e coa abstención do PSdeG (2).
Pésame á familia de Lois Aldegunde
Ao comezo do pleno extraordinario, toda a Corporación acordou trasladarlle o máis sentido pésame, en nome de toda a veciñanza, á familia de Lois Aldegunde. Profesor de Lingua e Literatura no CPI Os Dices durante un cuarto de século ata que en 2023 abandonou a docencia enfermo de ELA, Lois Aldegunde finou este martes aos 58 anos.
O alcalde lembrou que Aldegunde foi un gran dinamizador da lectura e da oratoria durante os 25 anos que estivo de profesor en Rois. Tamén foi un dos grandes impulsores do Club de Debate e dos Telexornais das Letras Galegas no que participaba alumnado do colexio.
En recoñecemento ao seu labor e quefacer profesional e humano, dende hai tres anos o Concello de Rois dedícalle ao profesor o certame literario que organiza anualmente, e que dende entón se chama Certame Literario Lois Aldegunde.
Por acordo unánime da Corporación, o Concello faralle un donativo á Asociación Galega de ELA (AGAELA) equivalente ás dietas pola asistencia ao pleno de hoxe de todas as concelleiras e concelleiros. A familia de Lois Aldegunde solicitou que non se enviaran flores ao velorio e que, no seu lugar, se fixera un donativo á asociación AGAELA.



