O BNG reivindica en Ribeira a construción da residencia pública de Coroso

09 Maio 2026

O BNG de Ribeira realizou este sábado unha acción informativa nas rúas da cidade para trasladar á veciñanza a información oficial confirmada polo Goberno do Estado: non existen trabas legais para construír a residencia pública de maiores de Coroso, un proxecto no que xa se investiron máis de 800.000 euros públicos.

Militantes e representantes do Bloque repartiron dípticos explicativos entre a cidadanía nunha xornada marcada pola acollida e polo interese mostrado arredor dunha infraestrutura considerada fundamental para as persoas maiores de Ribeira e da comarca da Barbanza.

O portavoz municipal do BNG e exalcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou que “a resposta da xente foi moi positiva porque existe unha preocupación polas pretensións do Partido Popular de bloquear a residencia das Saíñas”.

Segundo indicou, “moitas persoas trasladáronnos o seu apoio e tamén a súa indignación pola pretensión de querer levar a residencia ao monte e polo tempo perdido cun proxecto tan necesario para Ribeira”.

Pérez Barral lembrou que o BNG “leva anos defendendo esta infraestrutura con rigor, con propostas e facendo xestións diante das distintas administracións”, e subliñou que “hoxe sabemos oficialmente o que o Bloque sempre sostivo: que non había impedimentos legais para executar a residencia de Coroso”.

“O máis grave”, sinalou o portavoz nacionalista, “é que mentres o BNG traballaba para desbloquear o proxecto e defender os intereses da veciñanza, o Partido Popular de María Sampedro preferiu instalarse no bloqueo e nas escusas”.

Nese sentido, insistiu en que “Ribeira non pode permitirse seguir perdendo oportunidades nin recursos públicos por interese partidista”.

Desde o BNG aseguran que continuarán impulsando iniciativas para que a residencia pública sexa unha realidade “o antes posible”, defendendo un modelo de servizos públicos “digno, accesible, ben conectado co transporte público e pensado para garantir a calidade de vida das persoas maiores e das súas familias”.

“O noso compromiso é seguir na rúa e nas institucións, informando con transparencia e defendendo os intereses de Ribeira por riba de todo”, concluíu Pérez Barral.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...