O BNG compareceu este luns 4 de maio en rolda de prensa para poñer o foco no proxecto de construción dunha residencia pública de persoas maiores no lugar das Saíñas (Coroso) en Ribeira que finalmente foi desbotado pola propia Xunta, que está a día de hoxe impulsando un proxecto alternativo nas Cruxeiras.
No encontro cos medios os representantes do BNG sinalaron que “segundo os datos e documentos expostos, o Goberno galego paralizou de xeito deliberado a construción da residencia pública de maiores de Ribeira, baixo un cambio normativo que o Estado confirma que non existe, co único obxectivo de desgastar ao goberno de Luís Pérez e forzar un cambio na alcaldía para que a recuperar o Partido Popular”.
Na comparecencia participaron a viceportavoz do grupo parlamentario Olalla Rodil, a deputada Rosana Pérez e o ex-alcalde e portavoz Luís Pérez Barral.

Relataron (remontándose ao inicio do proxecto, en 2021), “cando”, sinalaron, “o proxecto foi anunciado por Alberto Núñez Feijóo como o quilómetro cero do novo modelo de residencias, un proxecto que avanzou a bo ritmo mentres se realizaban os investimentos: 300.000 euros no derrubo da antiga discoteca Hesta Kurva e outros 400.000 euros na redacción dun proxecto técnico que estaba listo xa en 2024, ademais dos 100.000€ da adquisición da parcela”.
Porén, engadiron, “no momento en que os técnicos da Consellaría e do Concello traballaban para ter o proxecto listo para licitar en 2025, o proxecto quedou bloqueado de xeito inexplicábel en Augas de Galiza que non emitiu o seu informe sectorial”.
Os representantes do BNG tamén remitiron a unha carta enviada pola Consellería de Política Social ao entón alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, “na que se afirmaba”, din, “que o proxecto era inviábel por un suposto cambio normativo do Ministerio para a Transición Ecolóxica derivado das riadas de Valencia”.
“O que nós demostramos hoxe”, sinalou Pérez Barral, “é que esta escusa foi unha falsidade absoluta”.
E engadiu: “Tras presentar varias iniciativas no Congreso, o Goberno do Estado confirmou oficialmente en dúas respostas que non existía nin existe ningunha modificación legal que impedise construír na parcela de Coroso e que nunca se instou á Xunta a paralizar proxecto ningún por este motivo. Esta confirmación política coincide co informe asinado polo arquitecto municipal en xuño de 2025, no que se ratificaba que non hai norma ningunha que prohiba construír a residencia nese terreo”.
Pérez Barral tamén foi crítico cos cartos investidos no proxecto: “O cambio de localización que agora pretende aprobar o PP supón tirar directamente ao lixo máis de 800.000 euros de diñeiro público xa executados en compra da parcela nas Saíñas, derrubo da antiga discoteca e proxecto construtivo que quedarían inservíbeis. Ademais, esta manobra implica un atraso considerábel para unha infraestrutura necesaria para as persoas maiores que, de seguir os plans previstos, podería estar este mesmo ano en construción”.
Na rolda pediron “que se retome de inmediato o proxecto de Coroso, xa que non existe ningunha traba legal que o impida e por situarse nun espazo máis axeitado conectado con transporte público e con acceso ao paseo marítimo e non illa ás persoas maiores no monte tal e como pretende facer o Partido Popular”.
E concluíu Luís Pérez Barral: “Ribeira non merece ser castigada nin utilizada como moeda de cambio nunha chantaxe política onde o PP priorizou os seus intereses electorais sobre o benestar da poboación e a xestión responsable dos recursos públicos. Fronte estas estratexias partidistas, eu vou seguir defendendo e traballando polo benestar da veciñanza”.





