Noia celebra a súa primeira Xunta de Seguridade Local tras oito anos e incorpórase ao sistema Viogén

08 Maio 2026

O Concello de Noia celebrou este 8 de maio a súa primeira Xunta Local de Seguridade en oito anos, un órgano de coordinación que ten como principal obxectivo analizar a situación de seguridade no municipio e reforzar as liñas de colaboración entre administracións e corpos de seguridade. Na reunión participaron, entre outros, o alcalde de Noia, Fran Pérez; o concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Alamancos; e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde. Tamén estiveron presentes Fernando Pedreira Lata, coronel e xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña así como o capitán da Garda Civil de Noia e o xefe da Policía Local, entre outros representantes institucionais e das forzas de seguridade.

Durante a sesión púxose de manifesto que Noia é “un concello seguro”, ao tempo que se incidiu “na necesidade de continuar traballando de maneira coordinada para manter e reforzar esa situación, especialmente a través da cooperación entre a Garda Civil, a Policía Local e as distintas administracións”.

O alcalde de Noia, Fran Pérez, destacou que “Noia é un concello seguro e estamos traballando para que o continúe sendo”, ao tempo que agradeceu “á Subdelegación do Goberno o seu interese, así como á Garda Civil e á Policía Local a súa participación nesta mesa de traballo”.

Pola súa parte, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Alamancos, agradeceu “á Garda Civil e á Policía Local a labor de vixilancia e seguimento que están a realizar” e sinalou que “existe un problema que non é só policial, senón tamén médico e social, relacionado co consumo de drogas”. Neste sentido, destacou que “a nosa responsabilidade tamén é educar, sobre todo aos mozos e mozas, para combater esta lacra”.

O subdelegado do Goberno, Julio Abalde, garantiu o apoio e a colaboración da Subdelegación co Concello de Noia e agradeceu a incorporación do municipio ao sistema VioGén, co obxectivo de reforzar a protección das vítimas de violencia de xénero.

Abalde lembrou que o sistema VioGén é unha ferramenta impulsada polo Ministerio do Interior para integrar e coordinar a protección das vítimas de violencia de xénero entre as distintas institucións implicadas, como as Forzas e Corpos de Seguridade, os servizos sociais e as administracións públicas. O sistema permite realizar un seguimento individualizado de cada caso, avaliar o nivel de risco e reforzar a coordinación para mellorar a seguridade e protección das vítimas.

Con esta adhesión, Noia convértese no municipio número 31 da provincia da Coruña incorporado ao sistema VioGén. O subdelegado puxo en valor este paso e destacou “a importancia da colaboración entre administracións para seguir reforzando a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero e avanzar na prevención e na resposta coordinada fronte a esta lacra social”.

Abalde recordou tamén que o Concello de Noia recibiu desde o ano 2018 un total de 64.987 euros procedentes dos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, dos que máis de 10.000 euros foron asignados o pasado ano.

Durante a xuntanza tamén se analizaron os datos de seguridade cidadá do municipio. A taxa de criminalidade de Noia sitúase en 29 delitos por cada mil habitantes, unha cifra moi inferior ás medias provincial, galega e estatal. Neste contexto, Abalde destacou que Galicia é a segunda comunidade máis segura de España e que España continúa entre os países máis seguros de Europa.

A reunión serviu tamén para avaliar os resultados do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas do Ministerio do Interior. No caso de Noia, participaron 704 persoas pertencentes a catro centros educativos, nun programa desenvolvido pola Garda Civil que incluíu 30 actividades formativas. As charlas máis demandadas estiveron relacionadas co acoso e ciberacoso escolar, as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e a ciberseguridade, así como coas adiccións, a violencia sobre a muller, os discursos de odio ou a seguridade viaria.

O subdelegado puxo en valor os resultados acadados polo Plan Director na provincia da Coruña durante 2025. Ao longo do ano participaron 349 centros educativos, o 75% dos existentes na provincia, cun incremento do 5% respecto ao ano anterior. En total, máis de 49.000 persoas participaron nas actividades impulsadas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado -Policía Nacional e Garda Civil-, entre alumnado, profesorado e familias.

No conxunto da provincia realizáronse 2.313 actuacións, das que 2.252 foron charlas e 61 actividades complementarias, ademais de 6.135 vixilancias en 282 centros educativos e a desarticulación de tres puntos de venda de droga en contornas escolares.

Outros artigos

Este xoves 11 teremos ceos con nubes altas e unha suba das temperaturas

Galicia vivirá este xoves 11, San Bernabé, unha xornada marcada pola estabilidade atmosférica, coa influencia anticiclónica e a entrada dunha masa de aire cálido procedente de latitudes inferiores. Agárdanse ceos con nubes altas, aínda que estas non impedirán o paso...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

Acabó la temporada futbolística y, con ella, las alegrías, las decepciones, los ascensossoñados y los descensos temidos. Pero cuando el balón deja de rodar queda tiempo parareflexionar sobre algunas cosas que ocurrieron en los estadios y que merecen unareflexión.Una...