Baixo a coordinación de Ana Blanco, concelleira de Mocidade e Educación, o Concello de Noia continúa reforzando a súa aposta pola conciliación familiar e educativa cunha ampliación dos programas dirixidos á infancia e á mocidade, dando como resultado, segundo informaron fontes do Consistorio, “a consolidación dunha rede estábel de servizos que busca non só facilitar a conciliación laboral das familias, senón tamén ofrecer espazos de ocio saudábel, socialización e desenvolvemento persoal para os nenos, nenas e mozos do municipio”.

Neste contexto, o Concello vén de habilitar as inscricións para o programa Concilia Verán, unha iniciativa destinada a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que permitirá ofrecer un servizo de conciliación durante todo o período estival.
A edil Ana Blanco, destacou que “con este servizo cumprimos xa un ano con programas de conciliación todos os días non lectivos do ano que non cadran en festivo, tal e como nos comprometemos a facer cando entramos no goberno”.
A concelleira lembrou que este avance foi realidade trala aprobación, no pleno do pasado mes de xaneiro, da nova Ordenanza de Conciliación, coa que o Concello blindou a prestación destes servizos ao longo de todo o ano.
Blanco recorda a maiores que a aposta do Goberno local vai máis alá. O Concello de Noia traballa xa nun novo programa de campamento de verán con pernocta destinado a mozos e mozas de entre 13 e 17 anos, unha franxa de idade que, segundo explicou Ana Blanco, “tende a esquecerse, pese a que os rapaces e rapazas tamén demandan actividades e programas adaptados ás súas necesidades”.
E engade: “A conciliación non é só un dereito das familias; é tamén unha oportunidade de ocio e de socialización saudábel para os mozos e mozas”.
A concelleira tamén avanzou que o Concello presentará proximamente este novo programa xuvenil.
Ademais, o Concello de Noia habilitou tamén o prazo de solicitude dos bonos de axuda ao comedor escolar e ao material escolar, que poderán pedirse ata o próximo 20 de maio.
Unha das principais novidades deste ano será o adianto na entrega das axudas destinadas ao material escolar, co obxectivo de que as familias poidan dispoñer delas no momento no que realizan as compras para o inicio do curso.
“Noutros anos chegáronse a entregar as axudas en novembro, algo que non ten ningún sentido e que xera problemas ás familias con menos recursos”, explicou Ana Blanco, engadindo que “o pasado curso conseguimos, coa marxe que tiñamos, adiantalo a finais de setembro, pero a idea é que este ano poidamos facelas efectivas antes incluso de que comece o curso escolar”.





