Lousame reclama para Zernadas de Castro o Día das Letras Galegas 2027

17 Maio 2026

Representantes do tecido social, cultural, deportivo, empresarial e político de Lousame uníronse hoxe no adro da igrexa de Fruíme para reivindicar o Día das Letras Galegas 2027 para Diego Antonio Zernadas de Castro, coincidindo co 250 aniversario do seu pasamento. A convocatoria reuniu centos de veciños e veciñas nunha xornada de lembranza e reivindicación arredor da figura do cura de Fruíme, considerado un precursor do galeguismo.

“Eu con Zernadas”. Ese foi o berro compartido esta mañá durante a tradicional ofrenda floral diante do busto de Zernadas de Castro. O alcalde de Lousame, Esteban Ares García, subliñou o respaldo social á proposta e preguntouse que máis precisa a Real Academia Galega para recoñecer “o labor de Diego Antonio Zernadas de Castro”. O rexedor destacou que o escritor e sacerdote “fixo un chamamento e Lousame respondeu”, e insistiu en que a súa figura merece o recoñecemento institucional do Día das Letras Galegas.

A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, tamén puxo en valor a presenza de representantes de asociacións do municipio, entre elas Lesende CF, BTT O Treito, Club de Veteranos de Lousame, Club Atletismo Lousame, Banda de Música de Lousame, Asociación Cultural Prudencio Romo, Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, UNED Sénior Lousame, Anduriñas, Canlebó, O Son do Pote e Autos Comparado. Para Agrafojo, a mobilización constitúe “unha foto de unión, de conxunto, de perseveranza e de forza” para defender a candidatura de Zernadas 2027.

No seu discurso, Esteban Ares defendeu que Zernadas de Castro “deu sentido ao Día das Letras Galegas” por ter defendido a lingua galega “nos séculos máis escurecidos de Galicia” e por ser, ao seu xuízo, “a orixe do galeguismo”. O alcalde insistiu en que a lingua “é un elemento de unión, nunca de confrontación”, e agradeceu a resposta de todas as parroquias e sectores sociais do municipio.

A ofrenda floral celebrouse coa presenza de Silvia Agrafojo, José Luís Veiras Manteiga, fillo adoptivo de Lousame, e Ermitas Lorenzo, presidenta da Asociación de Veciños Zernadas de Castro, baixo os acordes do himno galego interpretado pola Banda de Música de Lousame.

A xornada comezara coa segunda edición da Andaina das Letras, un percorrido de 5 quilómetros no que cada 500 metros se instalaron paneis informativos sobre a vida e obra de Zernadas de Castro. Máis tarde, o adro da igrexa de Fruíme acolleu a misa, a actuación do grupo local Anduriñas, do grupo folclórico Canlebó de Camboño e das Pandereteiras da UNED Sénior Lousame. A música deu paso a unha sesión vermú co Dúo Charada e a un xantar popular organizado pola Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, que reuniu máis de 120 persoas.

Outros artigos

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...