Gardacostas de Galicia retira máis de 500 aparellos ilegais e devolva ao mar 214 quilos de marisco na ría de Arousa

29 Maio 2026

O Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisou nos últimos días un total de 510 aparellos de pesca que carecían de calquera tipo de identificación ou se atopaban fóra de zona, nunha serie de operativos contra o furtivismo desenvolvidos fundamentalmente en augas da ría de Arousa. Estas actuacións saldáronse ademais coa devolución inmediata ao medio mariño de 214 quilos de diversas especies capturadas de xeito ilegal.

O despregamento máis relevante correu a cargo do buque Mar de Galicia e a súa auxiliar. Nunha primeira inspección realizada na canle da ría, na contorna comprendida entre o Faro da Loba e a zona de Mesa de Con, os axentes interceptaron aparellos sen balizar. Neste punto comisáronse 284 nasas de plástico para polbo e 1.844 metros de cabo de fuxida. No interior das liñas atopáronse 110 quilos de polbo —dos cales sete quilos eran inmaturos, polo tanto, de talla antirregulamentaria— e oito quilos de nécora, algunhas delas ovadas, que foron devoltos ao mar.

Esta mesma tripulación completou o seu balance de intervencións con novas incautacións na contorna dos illotes de Xidoiros e Areoso. Alí foron retiradas da auga outras 117 nasas de polbo e recuperáronse 68 quilos deste cefalópodo que foron reincorporados ao ecosistema.

A maiores, este mesmo equipo sumou novas incautacións tras varrer as inmediacións do Carreirón, Punta Quilma e Corveiro. O operativo permitiu retirar do mar 50 cacharros para a extracción de polbo e cinco pezas de miños fóra de lei que foran abandonadas —que suman 250 metros de rede ilegal—, albergando no seu interior 16 quilos de polbo que foron devoltos de inmediato ao medio mariño.

Pola súa banda, os efectivos a bordo da patrulleira Punta Roncadoira rastrexaron o sector das Roncadoiras e unha posición concreta na ría de Pontevedra. Este control permitiu intervir, por un lado, 20 nasas de plástico e un quilo de nécora e catro de polbo sen identificar e, por outro, un conxunto de 34 nasas de ferro que si estaban identificadas pero incorrían en irregularidades, cuxo interior albergaba 6,5 quilos de polbo, 1,2 quilos de faneca e un quilo de melgacho.

A Consellería do Mar lembra que “este tipo de controis preventivos realízanse de xeito constante ao longo de todo o ano para protexer a sustentabilidade biolóxica dos recursos pesqueiros e marisqueiros de Galicia, defendendo o traballo legal das miles de familias que viven do sector marítimo de xeito regulado”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...