Coincidindo coa Semana de Acción pola Natureza (30 de maio – 7 de xuño), Ecoloxistas en Acción, as Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia e a Fundación Montescola organizan o vindeiro sábado 6 de xuño unha xornada de voluntariado ambiental para iniciar a restauración ecolóxica do bosque de ribeira do rego da Abelleira, no monte veciñal de Froxán.

Explican que a actuación permitirá abrir unha nova fronte de eliminación de eucaliptos nunha área de grande valor ambiental, situada arredor do rego da Abelleira, que nace na turbeira de Campo de Lamas, espazo incluído no Inventario de Zonas Húmidas de Galiza. O obxectivo é “recuperar a vexetación autóctona e crear as condicións necesarias para unha futura plantación de frondosas galegas que se realizará o próximo inverno”, indican.
Segundo informan as ditas entidades, a zona na que se desenvolverán os traballos resultou afectada polos grandes incendios forestais de 2006, “polo que esta intervención representa un novo paso no proceso de recuperación ecolóxica do territorio impulsado pola veciñanza e colectivos ecoloxistas”.
A xornada comezará ás 10:00 horas e contará coa participación de persoas voluntarias procedentes de diferentes puntos do país. Tras os traballos de restauración celebrarase o tradicional xantar de albaroque ao aire libre, como espazo de encontro e convivencia entre as persoas participantes.
A programación completarase cun concerto especial do grupo Barahúnda baixo a sombra dunha zona de frondosas xa restaurada. A formación presentará o seu libro-disco Fremosas, nunha actuación que combinará música, patrimonio cultural e defensa da natureza. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do xoves 4 de xuño enviando un correo electrónico a info@montescola.org
Máis de 30 accións en todo o Estado
Esta iniciativa forma parte da Semana de Acción pola Natureza, unha convocatoria promovida por organizacións ecoloxistas e sociais de todo o Estado para reclamar medidas efectivas de protección e restauración dos ecosistemas. A campaña, baixo o lema Na primavera, a natureza érguese, busca mobilizar a cidadanía para reclamar a restauración dos ecosistemas degradados e esixir que a súa recuperación ocupe un lugar central nas políticas públicas.
As entidades participantes lembran que a crise climática e a perda de biodiversidade son cada vez máis visibles a través de incendios, secas, inundacións e outros fenómenos extremos que afectan os nosos territorios. Fronte a esta situación, defenden a restauración ecolóxica como unha ferramenta fundamental para recuperar ríos, bosques, zonas húmidas, costas e outros ecosistemas degradados, reforzando a súa capacidade para soster a vida e afrontar os impactos do cambio climático.
A Semana de Acción pola Natureza forma parte dunha mobilización impulsada pola Alianza pola Restauración da Natureza, que reclama un Plan Nacional de Restauración ambicioso, con financiamento suficiente, medidas efectivas e participación social para cumprir os obxectivos establecidos polo Regulamento Europeo de Restauración da Natureza.




