A semana comeza sen grandes cambios no tempo. As baixas presións seguirán situadas ao oeste, polo que teremos unha xornada de ceos moi nubrados e chuvascos nas Rías Baixas e en Santiago, máis frecuentes e intensos a partir do mediodía, cando incluso poderán vir acompañados de treboadas puntuais.
As temperaturas mínimas manteranse sen variacións destacables, mentres que as máximas subirán lixeiramente(18 a 19 graos). O vento soprará frouxo do sur durante a mañá, xirando cara ao leste ao avanzar a tarde.

O noso mar: Vento do sueste á mañá, variable á tarde e do leste á noite, forza 3 a 4 á mañá e 1 a 3 á tarde e á noite. Marusía á mañá e mar ovellado á tarde e á noite. Visibilidade regular á mañá e á tarde e boa á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0.5 a 1.5 metros.



