Falar de salgadura en Ribeira é falar de historia, de patrimonio e identidade. Son os vimbios que alicerzan o proxecto de rehabilitación e musealización das plantas de salgadura e secadoiro de polbo, na actualidade en estado ruinoso, situadas nas praias de Area Secada e O Touro. Unha posta en valor sustentábel, promovida pola Mancomunidade Barbanza Arousa como reclamo turístico, educativo e cultural da comarca.

A actuación, xa en marcha, completarase coa instalación dunha iluminación ornamental eficiente, que minore o impacto no cambio climático e a creación de contidos interpretativos dixitais que facilite a comunicación e o acceso do visitante.
O presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa e alcalde da Pobra, José Carlos Vidal Suárez, visitou este martes 26 de maio as obras que se están a facer no que será o museo-centro de interpretación da Salgadura de Touro, xunto coa alcaldesa de Ribeira, María Sampedro Fernández e a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro.
“Esta antiga fábrica de salgadura forma parte da nosa memoria colectiva e dun proxecto para poñer en valor a nosa enogastronomía e o que hai detrás dela: esforzo, tradición e identidade da nosa terra”, sinalou o presidente da Mancomunidade. Iniciativas coma esta serven, engadiu Vidal Suárez, “para coñecer o que nos trouxo ata aquí: a industria pesqueira, a da salgadura, a conserveira, elementos todos eles que construíron a nosa propia identidade”.
A rehabilitación e musealización en marcha abrangue a fábrica de salgadura, as vivendas dos traballadores anexas e o secadoiro de polbo.
Permitirá ao visitante “ser máis que un espectador, que viva unha experiencia que o faga sentir parte da vida e a historia da zona”, sinalaron.
Pola súa banda a alcaldesa de Ribeira lembrou que o eixe Area Secada – O Touro, onde está este futuro Museo da Salgadura, ven de ser recoñecido como unha das 28 áreas-nais incluídas no Plan da Cultura Marítima de Galicia, que distingue a riqueza paisaxística, patrimonial e histórica do lugar.
María Sampredo cualificou iniciativas como a deste museo como “un puntazo” no avance na conversión da comarca nun enclave turístico de calidade. “Temos pasado, como o amosa os vestixios que poñemos en valor, e un presente dedicado a lembrar o que fomos e gozar do que somos”, engadiu.
Pola súa banda, a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro, subliñou a importancia da enogastronomía, no que se enmarca a posta en valor das construcións da salgadura, como elemento esencial na desestacionalización do turismo. “O que propoñemos é unha viaxe ao visitante a través do pasado e o presente da conserva e da transformación dos alimentos, algo que forma parte da identidade desta zona e pode facerse durante todo o ano”, engadiu Cachafeiro.
O Museo da Salgadura documentará o patrimonio industrial e memoria dunha actividade económica que identificou a Ribeira no século XIX e ata ben entrado o XX, cando foi desprazada pola conserva. Forma parte dun proxecto más amplo: a creación e consolidación de Barbanza Arousa como destino turístico diferenciado, de calidade e desestacionalizado, vencellado á enogastronomía.
Segundo lembraron dende Barbanza Arousa, a industria da salgadura chegou á costa de Galicia no século XVIII, pero non foi ata o XIX cando se converteu, en lugares como Ribeira, nunha actividade fundamental no desenvolvemento da comarca, rol que mantivo ata rematado o primeiro terzo do século XX. Neste momento foi substituída pola industria da conserva, convertida co paso do tempo na industria sobranceira da nosa terra.
A salgadura trouxo prosperidade económica e tamén un cambio sociolóxico transcendental: a incorporación das mulleres ao mercado laboral, pois foron elas a meirande parte da man de obra da nova industria.
A rehabilitación e posta en valor, a iluminación ornamental eficiente a creación de contidos dixitais deste novo equipamento son accións incluídas no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSDT) Viaxe a través da historia dos sabores – Barbanza Arousa, que promove a Mancomunidade Rías de Arousa Norte, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado por fondos Next Generation da UE. Unha tripla acción que suporá un investimento de 230.000 euros.



