Alberto Lema, Ivana Gómez Abuín e Santiago Lopo, Premios Xerais 2026

23 Maio 2026

O selo galego Xerais compartiu o palmarés 2026 do seus premios. As obras cos títulos A boca do río, A banda da Albóndega e A lingua dos grifóns resultaron gañadoras do XLIII Premio Xerais de Novela, o XLI Premio Merlín de Literatura Infantil e o XVIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil respectivametne. Os textos son obra de Alberto Lema, Ivana Gómez Abuín e Santiago Lopo. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.

A boca do río, de Alberto Lema, Premio Xerais de Novela 2026

O xurado da XLIII edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra presentada co título A boca do río. Unha vez aberta a plica, o autor do texto resultou ser Alberto Lema.

Na Galicia da posguerra, a burguesía franquista non se conforma co poder político e económico, senón que tamén se quere facer dona da terra, da auga e da memoria do país. A boca do río é unha novela que afonda nas prácticas abusivas dos acólitos da ditadura, e amosa que o discurso de “reconstruír e modernizar” non era máis que unha coartada para levar a cabo inmensos negocios privados.

Isidro María Legazpi Dalmau, gran banqueiro da época, preséntase como benfeitor da sociedade galega e fala de levar a luz ás aldeas, de crear emprego, de “facer país”. Mais detrás desa aparencia filantrópica e xenerosa agóchanse compras amañadas, cambios legais feitos á medida, expropiacións violentas a prezo de saldo e unha poderosa alianza coa Igrexa e co Caudillo. O encoro de Belesar, vendido como símbolo do progreso, convértese na ferramenta perfecta para desprazar labregos incómodos para o réxime, borrar probas dun pasado pouco honroso e concentrar nunhas poucas mans a riqueza de todo o territorio.

Desde dentro da propia familia, Rebeca Legazpi vai descubrindo que a fortuna e o home que tanto admira descansan sobre terreos de lama e sangue: propiedades herdadas en circunstancias sospeitosas, negocios que medraron á forza de represión e escravismo, cartas solicitando axuda e que non obtiveron resposta. Mentres, nas serras, a guerrilla e os campesiños que opoñen resistencia ás ridículas indemnizacións comproban ata onde está disposto a chegar o novo poder para impoñer os seus plans.

O xurado valorou que “sen caer en maniqueísmos nin en leccións de historia disfrazada, A boca do río propón unha ollada seria e documentada a un momento clave do noso pasado recente, cando Galicia se enfronta á promesa dunha modernización que chega da man dun réxime autoritario e dunha alianza íntima entre poder político e económico”. O xurado tamén destacou que a obra está “narrada cun estilo coidado, que combina a precisión histórica cunha prosa viva e sensorial”, e que “ofrece voces moi ben diferenciadas: a mirada íntima e irónica de Rebeca, a dureza sobria do Piloto, o discurso frío e calculado do tecnócrata”. Estes personaxes, complexos e cheos de contradicións, visibilizan o entrecruzamento simultáneo da cobiza, a fe, o medo e a lealdade.

“Esta é unha historia sobre as alianzas entre o poder político e o económico e as resistencias populares que se lle opoñen nun período marcado polo terror e polo ascenso dunha nova elite dirixente no estado franquista, os chamados tecnócratas”, conta o propio autor da novela.

Segundo explica Alberto Lema, “o libro ten un período de escrita duns catro anos, entre o 2022 e o 2026 e nace do meu contacto directo coa zona de Belesar e San Fiz, en Chantada, do interese pola figura do Piloto e polos procesos de desposuimento e extrativismo, como é o caso”.

Alberto Lema (Bamiro, Vimianzo, 1975) é licenciado en filoloxía inglesa e traballador da Real Academia Galega. Publicou as novelas Unha puta percorre Europa (2008), Sidecar (2009), Da Máquina (2012) e Pazo de inverno (2021) e os poemarios Plan de fuga (2008), Crónica do chan (2014) e Río Grande (2026). Entre o 2019 e 2023 foi concelleiro na Coruña. 

A Banda da Albóndega, de Ivana Gómez Abuín, Premio Merlín 2026

Pola súa banda, a obra gañadora do XLI Premio Merlín de Literatura Infantil é A Banda da Albóndega, escrita por Ivana Gómez Abuín.

En Areleira, unha pequena vila mariñeira onde a marea deixa ao descuberto lodo, cunchas de mexillóns e segredos, Antía e o seu can Ringo atopan unha pequena caixa enferruxada enterrada na praia do Lago Verde. Dentro agóchase un fragmento de cerámica azul cun símbolo misterioso. O que semella ser unha simple curiosidade convértese axiña na primeira pista dun enigma.

Cos seus amigos Brais, Lúa e Kike —apadriñados polo mariñeiro xubilado Pepecho, gardián dun cuarto secreto cheo de lembranzas—, Antía funda A Banda da Albóndega e, xuntos, descubrirán que están a recuperar moito máis ca un misterio: están a rescatar a memoria dunha vila.

A Banda da Albóndega combina a emoción dos libros clásicos de misterio e aventuras cunha mirada fonda e agarimosa á memoria, á amizade e ao poder das historias. A novela constrúe un universo sensorial cheo de detalles —os cheiros da lonxa, as camisolas con mensaxe, os diálogos chispeantes— que sitúan o lector dentro da vila e fan que cada escena se sinta viva e próxima.

En palabras do xurado, “a obra destaca pola súa linguaxe fresca e coidada, que mestura humor, emoción e reflexión sen perder nunca o ritmo da acción, a mirada infantil e o simple gozo pola aventura”.

“Escribín esta historia pensando naquela nena que medrou soñando con cuadrillas, mapas, pistas e peripecias de verán. Como mestra, quixen crear un libro no que as crianzas puidesen descubrir que ler tamén é xogar, investigar, rir, emocionarse e pasar unha páxina tras outra sen decatarse”, conta Ivana Gómez Abuín, engadindo que estamos ante unha historia “próxima, chea de amizade, misterio, humor, mar e memoria, pensada para poder gozar da lectura e tentar facer lectorado: porque o mellor camiño cara aos libros pode comezar cun segredo, unha banda, moitas ganas de aventuras e sobre todo… albóndegas”.

Ivana Gómez Abuín é lucense de nacemento, aínda que vive en Sada. Mestra de Educación Primaria, mediadora de lectura e buscadora de historias. Formada tamén en Enxeñaría Agrícola e Topografía, aprendeu a cartografar mapas que levan a tesouros perdidos. Imparte formacións ao profesorado, familias e crianzas e colabora con editoras como asesora e elaborando material didáctico. Tamén divulga sobre literatura infantil na súa conta de Instagram @libros_e_libros, participa en charlas e diversos proxectos relacionados coa lectura e forma parte da xunta directiva de GÁLIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. A Banda da Albóndega, Premio Merlín de Literatura Infantil 2026, é a súa primeiro obra publicada.

A lingua dos grifóns, de Santiago Lopo, Premio Jules Verne 2026

Por último, o xurado da XVIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora a obra titulada A lingua dos grifóns, que, unha vez aberta a plica, resultou ser de Santiago Lopo.

No continente devastado de Anterga, as palabras poden salvar ou destruír.

Viri e o seu irmán Lauro medran nun orfanato onde a lingua antiga só serve para despedir os mortos. Cando son expulsados do único fogar que coñecen, vense arrastrados a unha viaxe inesperada: un convite misterioso, unha profecía esquecida e unha misión imposible que os leva a desafiar a opresión dos vougos e a buscar respostas nas ruínas dunha natureza moribunda.

Entre volcáns, desertos de sal e selvas cheas de perigos, Viri e Lauro descubrirán que a súa voz –e a capacidade de lembrar o que outros quixeron enterrar– é máis poderosa do que imaxinaban. Xunto a unha tribo de grifóns lendarios e unha alianza de orfos rebeldes, deberán escoller entre calar para sobrevivir ou cantar para salvar o mundo.

O xurado da XVIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil destacou “a calidade da obra presentada, así como a creación dun universo orixinal e unha atmosfera inmersiva nun mundo distópico rico en detalles culturais, lingüísticos e históricos”.

“A miña intención coa novela é poñer en valor a lingua como elemento esencial dunha cultura. Para iso creei un mundo máxico en perigo de extinción cuxos habitantes resisten grazas á forza da palabra”, conta o autor.

Ademais, Santiago Lopo indica que “as criaturas fantásticas da novela veñen directamente dos bestiarios medievais e algúns termos fundamentais na narración proceden de linguas xa desaparecidas”.

Santiago Lopo (Vigo, 1974) é escritor, profesor e tradutor. As súas novelas máis coñecidas son Game Over (2007, Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia), Peaxes (Xerais, 2009), Hora zulú (2012, Premio de Novela García Barros), A Diagonal dos Tolos (2014, Premio Narrativa Breve Repsol), A arte de trobar (2017, Xerais, Premio Xerais de Novela) e A carteira (2021, Xerais, Premio Antón Losada Diéguez).

A entrega

Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O acto terá lugar o sábado 10 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...