Actos en Ribeira e Noia visibilizan o papel das mulleres no sector do mar

15 Maio 2026

Diferentes actos institucionais organizados esta semana en Costa da Morte e na ría coruñesa puxeron o foco na contribución das mulleres ao sector marítimo-pesqueiro, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller do Mar.

En Ribeira, o Concello anunciou que o luns 18 de maio, ás 12.00 horas, celebrará no museo municipal un acto institucional dedicado ás “peixeiras”, as mulleres que fan de nexo directo entre as capturas da frota e a mesa dos consumidores. No evento farase un recoñecemento a 11 profesionais vinculadas á comercialización: 10 que desenvolven a súa actividade na praza de abastos e unha vendedora ambulante.

O concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, destacou o seu papel esencial: “Son elas quen nos venden os recursos pesqueiros que chegan ás nosas rulas para ofrecerlle á cidadanía o mellor”. A alcaldesa, María Sampedro, sinalou o peso histórico da muller na economía azul local e afirmou que, aínda que crece a presenza feminina nas embarcacións, “a presenza feminina segue sendo o pilar fundamental do traballo en terra”. Sampedro describiu ás homenaxeadas como “o corazón que fai latexar ao noso mercado municipal”.

O Concello subliña así a importancia da venda de proximidade e a tradición que durante décadas mantivo o produto fresco e de calidade nas mesas de Ribeira.

Paralelamente, a Deputación da Coruña organiza este sábado 16 de maio en Noia o acto provincial do Día Internacional da Muller no Sector Marítimo, coordinado pola Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA). O encontro terá lugar no Coliseo Noela, cedido polo Concello de Noia, e reunirá a profesionais e representantes do sector procedentes de distintos puntos da provincia.

A presentación correrá a cargo da comunicadora Marta Doviro e contará coa intervención da monologuista Marita Martínez. O programa inclúe unha mesa redonda sobre a situación presente e futura das mulleres do mar e a entrega de recoñecementos a tres profesionais destacadas pola súa traxectoria e compromiso co sector. ANMUPESCA destaca a importancia de celebrar estes encontros no territorio para reforzar a visibilidade social e institucional das mulleres vinculadas á pesca, o marisqueo, a comercialización, a transformación, a acuicultura e outras actividades relacionadas coa economía azul.

“As mulleres forman parte esencial da sustentabilidade, a identidade e o futuro do sector pesqueiro. Reconocer o seu traballo é tamén reconocer a forza dun sector que necesita seguir avanzando con todas as súas voces”, sinala a asociación. ANMUPESCA agradeceu á Deputación da Coruña a posta en marcha desta conmemoración provincial e ao Concello de Noia a cesión do Coliseo Noela.

Outros artigos

O filme documental 360 curvas proxéctase este domingo en Boiro

O Ciclo de Cine Mestre Mateo, impulsado nos concellos pola Academia Galega do Audiovisual, volveu poñer o foco en Boiro para dar coñecer ao público a rica colleita cinematográfica galega deste último ano. Sen ir máis lonxe, este domingo 18 de outubro proxectarase no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.