A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este xoves na inauguración das novas instalacións da Casa do Tella e Rosalía, un proxecto que transforma unha antiga fábrica de salgadura nun aloxamento sostible centrado na posta en valor do patrimonio mariñeiro.
A iniciativa, impulsada a través do GALP Costa Sostible e apoiada pola Xunta mediante as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo, supuxo a rehabilitación da planta superior dun inmoble histórico de 1860 para uso hostaleiro.

O establecemento, situado en Portosín, dispón de cinco habitacións e dez prazas de aloxamento. O proxecto contou cun investimento superior aos 383.000 euros e recibiu unha achega pública de 191.515 euros cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Durante a visita, Villaverde destacou a importancia de iniciativas que contribúan á diversificación económica, á creación de emprego local e á desestacionalización turística na Ría de Muros e Noia.
A actuación apostou pola sustentabilidade e a eficiencia enerxética, incorporando sistemas de xeotermia, iluminación led e billas automatizadas para reducir o consumo de auga e minimizar a pegada de carbono.
O proxecto mantén ademais unha forte conexión coa cultura mariñeira e co produto de proximidade. Os hóspedes e clientes do restaurante poderán participar en experiencias de turismo mariñeiro, con visitas guiadas ao porto para asistir á descarga e poxa do peixe, coñecer as embarcacións e conversar cos profesionais do mar.

A oferta completarase cun obradoiro gastronómico centrado no peixe azul e na cociña tradicional mariñeira.
No acto participaron tamén o presidente do GALP Costa Sostible, José Mariano Lago Louro, a xerente do establecemento, Montserrat Santos Lorenzo, así como representantes municipais e das confrarías da zona.



