A Real Academia Galega de Ciencias incorporou o cambadés Gumersindo Feijoo como académico numerario

20 Maio 2026

A Real Academia Galega de Ciencias celebrou hoxe no Pazo de San Roque o acto de ingreso do catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela, Gumersindo Feijoo Costa, como académico numerario da sección de Ciencias Técnicas da institución. O novo académico pronunciou o seu discurso baixo o título “Do dato ao impacto: marco científico da sustentabilidade”. A encargada de realizar a laudatio foi a académica Herminia Domínguez, catedrática de Enxeñería Química da Universidade de Vigo.

O acto foi aberto polo presidente da RAGC, Juan Lema, e contou coa presenza doutros académicos, así como de numerosas autoridades políticas, científicas e académicas. Entre elas, a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a reitora da USC, Rosa Crujeiras; a directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, Julia González; a decana da Facultade de Química da Universidade de Vigo, Ángeles Peña; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

“Xa non abonda con producir máis”

Durante a súa intervención, Juan Lema destacou que a incorporación de Gumersindo Feijoo “supón para a Academia reforzar unha visión científica da sustentabilidade, imprescindible para afrontar os grandes retos ambientais e industriais do noso tempo”.

O presidente da RAGC, que dirixiu a tese de doutoramento do novo académico, puxo en valor unha traxectoria “marcada polo rigor científico, a innovación e a capacidade de crear equipo”, convertendo Santiago “nun referente internacional en sustentabilidade ambiental e análise do ciclo de vida”.

Lema incidiu ademais na necesidade de avanzar cara a modelos produtivos máis sostibles: “Xa non abonda con producir máis, nin sequera con producir mellor; cómpre facelo dunha maneira sostible, responsable e positiva para o medio”. Neste contexto, salientou a relevancia desta visión para sectores estratéxicos en Galicia como o vinícola, o lácteo, o madeireiro, a alimentación ou a pesca.

“Non é posible mellorar aquilo que non se mide”

No seu discurso de ingreso, Gumersindo Feijoo abordou a evolución do concepto de sustentabilidade ata converterse “nun campo científico rigoroso, apoiado en metodoloxías cuantitativas e indicadores verificables”.

O novo académico analizou ferramentas como a análise de ciclo de vida, as pegadas ambientais —como a de carbono ou hídrica— e os indicadores de economía circular, que permiten avaliar o impacto das actividades humanas sobre o medio ambiente e a sociedade.

Segundo explicou, “estas metodoloxías constitúen a base para unha toma de decisións máis informada e responsable”. Feijoo exemplificou a aplicación destas ferramentas en ámbitos como as cidades, a xestión da auga ou os sistemas alimentarios, facendo especial fincapé na necesidade de reducir desperdicios e emisións.

Neste sentido, reivindicou a dieta atlántica como modelo sostible, afirmando que “forma parte do noso acervo cultural, coida da saúde das persoas e tamén da saúde ambiental do noso planeta”.

Un dos eixes centrais da súa intervención foi a importancia da medición para avanzar en sustentabilidade. “Non é posible mellorar aquilo que non se mide”, asegurou, defendendo o desenvolvemento de indicadores fiables que permitan avaliar e facer seguimento das políticas e prácticas sostibles.

Feijoo concluíu cun chamamento á responsabilidade colectiva e á integración do coñecemento científico na toma de decisións públicas e privadas, defendendo “modelos de desenvolvemento capaces de garantir o benestar das xeracións presentes sen comprometer o das futuras”.

Pioneiro na sustentabilidade ambiental

Na súa laudatio, Herminia Domínguez destacou que Gumersindo Feijoo foi pioneiro na creación da liña de Sustentabilidade Ambiental en Galicia e na introdución en España da metodoloxía de análise ambiental de produtos e procesos.

A académica salientou tamén iniciativas como Pescaenverde, unha marca de garantía de calidade que acredita peixe e marisco con baixa pegada de carbono e alta taxa de retorno enerxético, implantada xa en 30 confrarías galegas, ademais de Barbate e Conil.

“Gumersindo Feijoo aúna a excelencia académica cunha visión multidisciplinar, orientada á investigación aplicada e cunha inquedanza por mellorar o benestar das persoas e do planeta”, concluíu Domínguez.

Outros artigos

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.