A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza convocou unha concentración para este venres ás 16.30 horas diante do Hospital da Barbanza coincidindo cunha reunión prevista cos responsables sanitarios.

Segundo informou o colectivo, á xuntanza acudirá unha pequena representación da plataforma, mentres o resto das persoas integrantes permanecerán no exterior do centro hospitalario como mostra de apoio. Ademais, tamén está prevista a asistencia de membros doutras plataformas galegas en defensa da sanidade pública.
A entidade asegura que manterá unha actitude de diálogo durante o encontro e agarda recibir información detallada sobre a situación actual das listas de espera e sobre os plans de actuación previstos para tratar de solucionar un problema que, segundo denuncian, “non deixa de agravarse”.
Entre as principais preocupacións sinaladas pola plataforma atópanse as demoras nas primeiras consultas ordinarias, nas segundas consultas de especialidades e tamén nas probas diagnósticas derivadas destas atencións médicas.
A mobilización contará co respaldo de SOS Sanidade Pública, plataforma galega da que forma parte o colectivo barbancés. Nunha reunión celebrada este martes, representantes doutras plataformas territoriais trasladaron o seu apoio á protesta e confirmaron o envío de representantes á concentración.
Por outra banda, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza anunciou tamén a convocatoria dunha rolda de prensa para o luns 11 de maio ás 17.00 horas na entrada do Hospital da Barbanza, co obxectivo de facer unha valoración pública da reunión mantida cos responsables sanitarios.





