A Deputación impulsa un ciclo que recupera a memoria das mulleres silenciadas polo sistema psiquiátrico (con paradas en Boiro e Padrón)

28 Maio 2026

Coincidindo co Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, que se conmemora o 28 de maio, a área de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña impulsa o ciclo As tolas que non o eran, unha iniciativa destinada a recuperar e visibilizar as historias das mulleres que foron internadas no Manicomio de Conxo entre finais do século XIX e comezos do XX. O programa estará integrado por seis charlas-obradoiro impartidas pola investigadora Carmen Vidal Valiña, autora do ensaio que dá nome ao ciclo: As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936 e especialista no estudo dos arquivos do centro.

A través destas sesións, abertas a público de todas as idades, abordarase o funcionamento dos hospitais psiquiátricos como espazos de control social sobre mulleres consideradas “problemáticas” por non encaixar nos mandatos de xénero da época. O ciclo afondará nos perfís e vivencias das internas do Manicomio de Conxo, así como no uso da psiquiatría como mecanismo de control da disidencia feminina.

As actividades incluirán tamén a análise de documentos reais procedentes do arquivo do centro, entre eles cartas e historias clínicas, así como un obradoiro final de escritura colectiva para contribuír á recuperación da memoria destas mulleres inxustamente encerradas e invisibilizadas.

A iniciativa pon o foco “na necesidade de revisar as violencias históricas exercidas contra as mulleres baixo discursos médicos ou morais e nace nun contexto de renovado interese público polos arquivos e documentación vinculados ao Patronato de Protección de la Mujer”.

As sesións desenvolveranse nos concellos da Baña, Boiro, Coirós, Mañón, Padrón e Sobrado en datas que se anunciarán en datas vindeiras.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...