A Deputación apoia á Comunidade de Montes de Pena-Leiro (Rianxo) na mellora da súa actividade de silvopastoreo

05 Maio 2026

A Deputación da Coruña apoia con 9.200 euros a mellora das instalacións gandeiras e a adquisición de equipamento relacionado coa actividade de silvopastoreo da Comunidade de Monte Veciñal en Man Común Pena-Leiro, no concello de Rianxo.

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou este martes 5 de maio a comunidade para coñecer de primeira man a súa actividade e os investimentos financiados pola institución provincial dentro da liña de subvencións a entidades agrarias, labregas, forestais e de desenvolvemento rural para investimentos, que este ano suma 224.825 euros e beneficia a 38 entidades.

Durante a visita, Capelán puxo en valor o traballo que desenvolven as comunidades de montes como axentes fundamentais na conservación, ordenación e aproveitamento sostible do territorio. “As comunidades de montes son pezas clave para manter vivo o rural, coidar o monte e previr incendios”, afirmou, engadindo que o proxecto subvencionado pola Deputación “permitirá mellorar as instalacións gandeiras da comunidade e adquirir novo equipamento necesario para avanzar na implantación da gandería rexenerativa e do silvopastoreo nos montes que xestiona a entidade”. Entre os investimentos previstos figuran unha carpa para o gando, unha carpa para forraxe, colares virtuais con GPS para a creación de valados virtuais, cámaras de vixilancia, contedores de alimento e mangas de manexo para facilitar tarefas de saneamento e coidado dos animais.

Cristina Capelán destacou que “o silvopastoreo é unha ferramenta moi útil para compatibilizar a actividade gandeira coa conservación do monte, porque permite diminuír o risco de incendios e, ao mesmo tempo, xerar actividade económica”.

A deputada subliñou tamén que este tipo de investimentos “axudan a pasar dun modelo de monte centrado case exclusivamente no aproveitamento madeireiro a outro máis diverso, no que teñen cabida a gandería extensiva, a prevención de lumes, a biodiversidade e a produción de alimentos de calidade”.

Salientou ademais que “a Comunidade de Montes de Leiro está apostando nos últimos anos pola introdución da gandería rexenerativa como vía para avanzar na prevención de incendios forestais, promover a biodiversidade, mellorar o benestar animal e dinamizar o medio rural”.

Lembrou tamén que segundo a memoria do proxecto, “o gando pode xogar un papel clave na prevención dos lumes ao alimentarse da vexetación baixa e das matogueiras, reducindo así a cantidade de material inflamábel”.

A actuación beneficia directamente ás 219 persoas comuneiras rexistradas, aínda que a entidade estima que o impacto positivo se estende ao conxunto da parroquia de Leiro, con arredor de 1.000 habitantes, e tamén ao resto do concello de Rianxo e da súa área de influencia.

Capelán salientou ademais a dimensión colectiva deste tipo de proxectos, xa que a Comunidade de Montes de Leiro colabora activamente con outras comunidades do concello de Rianxo e tamén de municipios limítrofes como Dodro e Boiro, a través da Plataforma pola Defensa do Monte, compartindo experiencias, coñecemento, materiais e equipamentos.

Outros artigos

Medio Rural dá por extinguido o incendio de Ribasieira

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou extinguido ás 19,11 horas de hoxe, xoves 24 de setembro. Como lembraremos, o lume iniciouse ás 14,42 horas do pasado luns e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.