A delegada da Xunta na Coruña visita Porto do Son para supervisar o proxecto da senda peonil e ciclista na zona

13 Maio 2026

Facer unha nova senda peonil e ciclista ao carón da AC-550 destinada a reforzar a seguridade viaria e mellorar a mobilidade sostíbel en Porto do Son é unha iniciativa da que deron conta a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, e a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire durante unha recente visita á zona.

Pola súa banda, Belén do Campo anunciaba que hoxe, 13 de maio, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas someteu o proxecto a información pública, durante 30 días, tanto para os efectos previstos na Lei de estradas de Galicia como para os trámites expropiatorios. Para levar a cabo as obras será preciso expropiar 26 parcelas, cunha superficie total de 687 metros cadrados.

Segundo as previsións do departamento autonómico, o proxecto de trazado poderá quedar aprobado no terceiro trimestre do ano, mentres que o proxecto construtivo estaría listo no último trimestre. O prazo estimado de execución das obras será de 14 meses.

Durante o percorrido, puxeron en valor unha intervención que contará cun investimento autonómico superior aos 2,6 millóns de euros e que permitirá crear dous itinerarios independentes de uso compartido para peóns e bicicletas ao longo desta estrada autonómica.

Cómpre dicir que a actuación foi aprobada provisionalmente polo Consello da Xunta para o seu sometemento a información pública e supón un novo paso no compromiso do Executivo galego coa mellora das comunicacións e da conectividade nos concellos costeiros.

Indo á obra en cuestión, o primeiro dos treitos previstos desenvolverase pola marxe esquerda da AC-550 entre Linteiros e A Gafa, ao longo de algo máis dun quilómetro, conectando coa zona onde comezan as beirarrúas que continúan deica Portosín.

O segundo itinerario discorrerá pola marxe dereita da vía autonómica, entre Freixedo e O Campo do Prado, cun percorrido total de 3,2 quilómetros.

En canto ás características técnicas, a senda proxectarase adxacente á estrada, mantendo o trazado actual da AC-550, cun ancho superior aos dous metros e unha beiravía dun metro. O pavimento será de formigón bicapa en cor terriza e incluiranse elementos de accesibilidade como pavimento podotáctil nos cruzamentos e nas paradas de autobús.

A actuación contempla tamén a execución de drenaxes, muros de contención e estruturas singulares para salvar os ríos Ornanda e Quintáns mediante pasarelas de 9 e 15 metros de luz, respectivamente.

Ademais, mellorarase a accesibilidade de seis paradas de autobús situadas ao longo do percorrido. Tres delas manteranse na súa localización actual, adaptadas ás novas condicións da senda, mentres que as outras tres serán recolocadas. Tamén se habilitarán apartadoiros e renovaranse os refuxios.

Por último, sinalar que as actuacións previstas financiaranse con fondos do programa operativo Feder 2021-2027.

Outros artigos

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...