O Auditorio da Biblioteca Municipal Victoriano García Martí da Pobra do Caramiñal vai acoller este mércores 27 de maio ás 12.00 horas a presentación do libro Nenapingüín, obra gañadora do VIII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro 2025, escrita por Daniel Landesa e ilustrada por Momochi Miki.
O galardón está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra a cargo de Edicións Galaxia. Durante o acto realizarase tamén a entrega do premio nun encontro no que participará o alumnado de 6o de primaria do CEIP Salustiano Rey Eiras. Ademais, un exemplar da publicación repartirase entre todo o alumnado de primaria dos centros educativos do Concello. No acto estarán presentes o autor, Daniel Landesa; a concelleira de Cultura, Patricia Lojo; Encarna Pego, integrante do xurado e vicepresidenta da Asociación Barbantia; e Marcos Calveiro, director de Edicións Galaxia.




