A Asociación Altofalante condena a vandalización do monumento en memoria das vítimas do franquismo do porto de Ribeira

19 Maio 2026

Dende a A. C. Altofalante, a través do seu presidente David Casais, emitiron un comunicado no que expresan a súa “máis firme condena ante o acto vandálico cometido contra o monumento en memoria das vítimas do franquismo, situado no Malecón de Ribeira”. Fan saber que “non estamos diante dun feito illado nin dunha simple falcatruada, senón dun ataque directo á memoria democrática, á dignidade das persoas represaliadas pola ditadura e ao deber colectivo de preservar a verdade histórica fronte ao esquecemento e a manipulación”.

Engaden que “a memoria histórica non pode ser tratada como unha cuestión secundaria nin incómoda” e que “nun momento no que determinados sectores políticos e mediáticos pretenden revisar a historia para branquear a ditadura franquista, faise máis necesario ca nunca defender os espazos de memoria e denunciar os discursos reaccionarios que buscan relativizar corenta anos de represión, censura e ausencia de dereitos e liberdades”.

E apuntan: “Cando desde as institucións se presentan figuras do franquismo como aperturistas ou se atacan referentes da loita antifranquista e popular, como aconteceu recentemente desde o Partido Popular no Parlamento galego, estase contribuíndo a normalizar unha visión profundamente perigosa da nosa historia. Ese tipo de discursos teñen consecuencias. Alimentan a desmemoria, banalizan o fascismo e crean un caldo de cultivo no que moita xente nova acaba asumindo relatos falsos sobre a ditadura, chegando incluso a pensar que baixo un réxime autoritario se vivía mellor. Fronte a iso, temos a responsabilidade colectiva de lembrar o que realmente significou o franquismo para Galiza e para o conxunto do Estado español: persecución política, asasinatos, cárcere, torturas, exilio, medo e silencio”.

Altofalante lembra tamén que “Ribeira coñece ben esa realidade” e que “figuras como Manuel Lustres Rivas, xornalista, escritor e nacionalista ribeirense, asasinado polos franquistas en 1936, representan a tantas persoas que sufriron a barbarie fascista por defender a liberdade, a cultura galega e a dignidade do noso pobo. A súa memoria, como a de tantas outras vítimas, merece respecto e protección. Atacar un monumento de memoria democrática significa tamén atacar ese legado colectivo que durante décadas se tentou borrar”.

A asociación remata lembrando que “resulta intolerábel que mentres se producen agresións contra espazos de memoria, continúen existindo no rueiro municipal referencias a figuras vinculadas á ditadura franquista, como a avenida Miguel Rodríguez Bautista, unha situación denunciada desde hai anos por colectivos como a Comisión pola Memoria Histórica da Barbanza. Non se pode falar de convivencia democrática mentres se manteñen símbolos que honran a responsábel dun réxime fascista”. Por todo isto, esixen ao Concello de Ribeira unha condena pública e contundente destes feitos, a presentación das correspondentes denuncias para identificar ás persoas responsábeis e a restauración inmediata da placa do monumento vandalizado. “Defender a memoria democrática non é abrir feridas; é impedir que se pechen en falso”, sinalan.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...