17 de maio: “Os libros das nosas Letras”

16 Maio 2026

«MORGANA EN ESMELLE»

  • Begoña Caamaño. Editorial Galaxia. 19, 50 Ive incluído

Logo do Ano Cunqueiro, Begoña Caamaño consegue propoñer unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda. Son os remorsos e as culpas sentimentos que nos acompañan toda a vida? Temos acaso dereito a esquecer os danos causados polas nosas decisións? Con preguntas semellantes, a chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle. Na novela de Begoña Caamaño, a medio irmá e amante de Artur entra na casa de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade.
Coa súa dor e coas lembranzas de Merlín vaise tecendo o fío da memoria ata descubrir as razóns últimas da ruína de Avalon e da caída de Camelot. Morgana en Esmelle é unha reflexión en torno á responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos.
Sacrificada na loita entre dúas concepcións do mundo, Morgana interróganos sobre a lexitimidade das nosas razóns; mais, acaso a súa condición de vítima faina máis inocente? Unha novela que reescribe o mito cunha ollada contemporánea

«CIRCE OU O PRACER DO AZUL »

Nesta novela Begoña Caamaño relata o que nunca se contou da historia de Penélope e Circe, un dos mitos centrais da cultura europea.

Unha muller leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando comeza a temer a probable morte do marido, recibe a carta dunha estraña, unha muller misteriosa que a informa de que o seu home non está morto, senón que vive con ela un romance apaixonado. A partir de aí vaise tecendo unha relación epistolar entre as dúas; o home dunha e amante doutra acábase convertendo só no pretexto que vai unir para sempre o destino das dúas mulleres.

«VOLVEREDES BRINDAR POR MIN. UNHA BIOGRAFÍA DE BEGOÑA CAAMAÑO»

.

A partir de arquivos persoais, conversas e lembranzas compartidas, álbums íntimos, rastros documentais dispersos, apuntamentos e pegadas en soportes singulares, Ana Romaní e María Xesús Nogueira ofrécennos “unha” biografía de Begoña Caamaño, para chegar a unha obra, a unha peripecia vital, que fala da xornalista que foi, das preocupacións que sedimentaron o seu traballo e a súa visión dos medios de comunicación. Este é, pois, un exercicio de reconstrución colectivo desde a confianza e a complicidade, co apoio imprescindible da rede de relacións que a escritora e xornalista xerou na súa vida, escrito a catro mans polas que foron amigas súas, a través de desemellantes memorias que configuran unha visión de conxunto.

«BEGOÑA OU O PRACER DA AMIZADE: UNHA BIOGRAFÍA DA AMIZADE» (INFANTIL E XUVENIL – MERLÍN – De 11 anos en diante)

  • Xerais. Beatriz Maceda, 12,50 Ive incluído

Begoña Caamaño, a escritora homenaxeada nas Letras Galegas de 2026, foi unha muller excepcional que fixo da palabra un acto de rebeldía e sororidade. Nesta biografía novelada, catro voces míticas -Circe, Penélope, Morgana e Xenebra- reúnense para narrar a vida desta autora fundamental, desde a súa infancia en Vigo ata o seu papel clave na cultura galega contemporánea. Xornalista, activista e escritora, Begoña Caamaño loitou pola igualdade, a dignidade e a liberdade nunha Galicia en transformación, tecendo redes de amizade e compromiso. Un relato apaixonante que nos convida a descubrir a forza da amizade, a importancia da memoria e o poder das mulleres que, como Begoña, lles devolveron a voz ás esquecidas.

«BEGOÑA CAAMAÑO: MUDAR O MUNDO»

  • USC. María Xesús Nogueira Pereira e varios

Begoña Caamaño é unha figura particular non só pola singularidade da súa obra narrativa e xornalística senón tamén por unha traxectoria vital marcada pola curiosidade, a ética, os compromisos e os afectos. Este libro, a ela dedicado, analiza aspectos diversos da súa obra e compila achegas de mulleres xornalistas e narradoras, convidadas a compoñeren un retrato coral da autora. 

«BEGOÑA CAAMAÑO. XORNALISMO PARA A CIDADANÍA. DE VIGO A COMPOSTELA»

Un espello ao que asomarse para coñecer a súa vertente profesional é o que reflicte o labor ao que dedicou boa parte da súa vida, isto é, o xornalismo radiofónico—nos informativos, na información cultural ou na dirección e presentación de programas propios—, mais tamén o das diversas cabeceiras en que colaborou. Porteiro, compañeira súa en moitas iniciativas, escribiu un libro documentadísimo no que subliña a concepción do xornalismo que abrazaba como servizo público comprometido coa lingua e cos dereitos das mulleres. 

«O TRANSGREDIR DAS ONDAS»

Estou convencido de que esta proposta literaria híbrida e contemporánea sería moi do gusto de Begoña Caamaño. A partir dun pódcast que leva o título homónimo do libro (susceptible de diversas interpretacións), unha xornalista chamada Xoana Barreiro ten como obxectivo revelar un feixe de testemuños que resultarán esenciais para o propósito de reconstruír a faceta máis rebelde da protagonista das Letras 2026. Velaquí, sen dúbida, unha revisión orixinal e singular da personalidade e da obra da escritora viguesa.

«OS FIOS DE BEGOÑA»

De Eva Mejuto, con ilustracións de Nuria Díaz, é tamén o álbum ilustrado Os fíos de Begoña. Unha pequena biografía na que Eva comeza falándonos das Moiras de como tecían un fío co destino de cada persoa ao nacer e seguíndoo vainos contando a vida de Begoña. Eses fíos que a foron levando de un a outro lugar, dun a outro ámbito… e continuando despois da súa morte, con todas as homenaxes: O libro das amigas, Begoñísima, De Circe a Morgana. Homenaxe das escritoras galegas, o premio da Deputación da Coruña que leva o seu nome, a declaración de filla adoptiva de Santiago, a homenaxe Embegoreñadas, o seu nome nun parque de Compostela, a estrea da obra teatral Morgana en Esmelle por Sarabela teatro… e as Letras Galegas. Remata o libro cun “Para sabermos máis” onde se esquematiza todo o relatado e un código QR nos anima a escoitar as cancións da súa vida. Escribe Eva, coa voz que se dirixe a nós (lectoras/es) e comenta esa vida con chiscadelas para que podamos entendela mellor dende os nosos ollos de hoxe, engadindo comentarios e datos a modo de libro informativo e percorrendo todos os campos nos que hai algo que dicir.

«BEGOÑA CAAMAÑO, A TECEDORA DA NOVA MITOLOXÍA»

«Este libro forxouse un pouco no Dezaseis, como non podía ser doutro xeito». Na retina de María Cedrón (Baralla, 1975) permanece indeleble a Compostela de finais dos 90, o bulebule que viviu canda a xornalista e escritora e que estila dunha obra que permite coñecer as mil vidas de Begoña Caamaño, Begoñísima, a través das teselas que foron achegando as súas amizades, pavimentando o futuro cun enorme mosaico de afectos e lembranzas.

María Cedrón, xornalista como Caamaño, utiliza todas as ferramentas da profesión para compoñer un retrato poliédrico da autora homenaxeada nestas Letras Galegas, un exercicio do oficio periodístico que tamén lle permitiu a ela compoñer (ou recompoñer) a súa propia memoria sobre aquela cidade preñada de creatividade, das foliadas na Casa das Crechas, dos xantares infinitos na rúa de San Pedro e do sol lambendo as hortiñas de Belvís e quecendo os chanzos da praza da Quintana.

OUTRAS REFERENCIAS DE OBRAS: “En todo tempo. Os libros das Letras”. Pilar Sampedro

LISTADO DE HOMENAXEADOS NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

1963 — Rosalía de Castro
1964 — Daniel Rodríguez Castelao
1965 — Eduardo Pondal
1966 — Francisco Añón
1967 — Manuel Curros Enríquez
1968 — Florentino López Cuevillas
1969 — Antonio Noriega Varela
1970 — Marcial Valladares Núñez
1971 — Gonzalo López Abente
1972 — Valentín Lamas Carvajal
1973 — Manuel Lago González
1974 — Xoán Vicente Viqueira
1975 — Xoán Manuel Pintos
1976 — Ramón Cabanillas
1977 — Antón Villar Ponte
1978 — Antonio López Ferreiro
1979 — Manuel Antonio
1980 — Afonso X o Sabio
1981 — Vicente Risco
1982 — Luís Amado Carballo
1983 — Manuel Leiras Pulpeiro
1984 — Armando Cotarelo Valledor
1985 — Antón Losada Diéguez
1986 — Aquilino Iglesia Alvariño
1987 — Francisca Herrera Garrido
1988 — Ramón Otero Pedrayo
1989 — Celso Emilio Ferreiro
1990 — Luís Pimentel
1991 — Álvaro Cunqueiro
1992 — Fermín Bouza-Brey
1993 — Eduardo Blanco Amor
1994 — Luis Seoane
1995 — Rafael Dieste
1996 — Xesús Ferro Couselo
1997 — Ánxel Fole
1998 — Trobadores da ría de Vigo
1999 — Roberto Blanco Torres
2000 — Manuel Murguía
2001 — Eladio Rodríguez González
2002 — Frei Martín Sarmiento
2003 — Avilés de Taramancos
2004 — Xaquín Lorenzo, Xocas
2005 — Manuel Lorenzo Varela
2006 — Manuel Lugrís Freire
2007 — María Mariño
2008 — Xosé María Álvarez Blázquez
2009 — Ramón Piñeiro
2010 — Uxío Novoneyra
2011 — Lois Pereiro
2012 — Valentín Paz Andrade
2013 — Roberto Vidal Bolaño
2014 — Xosé María Díaz Castro
2015 — Xosé Filgueira Valverde
2016 — Manuel María Fernández Teixeiro
2017 — Carlos Casares
2018 — María Victoria Moreno
2019 — Antonio Fraguas
2020 — Ricardo Carballo / Carvalho Calero
2021 — Xela Arias
2022 — Florencio Delgado Gurriarán
2023 — Francisco Fernández del Riego
2024 — Luísa Villalta
2025 — Cantareiras
2026 — Begoña Caamaño

Outros artigos

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...