Vegalsa-Eroski e os seus clientes doan máis de 4.000 euros a Amicos

24 Abril 2026

A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski fixo entrega este venres 24 de abril dun total de 4.181,52 euros á asociación inclusiva da nosa comarca Amicos, centrada na atención e na integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise, dano cerebral e as súas familias. Un importe que se destinará a reforzar os seus proxectos medioambientais, tanto de limpeza dos litorais mariños como das zonas de especial protección.

Esta doazón foi posíbel grazas á valorización realizada tras a xestión de 31.632 quilos de tapóns de plástico e aceite recollidos nos establecementos da rede comercial de Eroski e Autoservicios Familia en Galicia, Asturias e Castela e León. Tanto os clientes como o persoal de tenda poden depositar nas zonas acondicionadas para iso estes residuos, que posteriormente se tratan de forma responsábel.

A entrega do cheque tivo lugar este venres no Eroski Center de Boiro, coa participación por parte de Amicos da responsábel de centros, Pilar Sampedro, membros da xunta directiva, familiares e usuarios do centro. Por parte de Vegalsa-Eroski, das representantes da área de RSE, Irasema Dámaso, e da área de Calidade, Ánxela Fernández e María Teresa Ruíz.

“Esta doazón reflicte dous dos piares de Vegalsa-Eroski: o compromiso co medio ambiente e a colaboración con entidades sociais para avanzar en obxectivos comúns. Neste caso, contribúe a promover a inclusión e a xerar un impacto positivo na comunidade xunto a Amicos”, destacan desde a compañía de distribución alimentaria.

Por parte de Amicos, que destinará esta doazón a apoiar proxectos destinados á limpeza dos litorais mariños e espazos de especial protección, Sampedro destacou: “Queremos poñer en valor a implicación de Vegalsa-Eroski e de todos os seus clientes que, cos seus pequenos xestos, fan posíbel este tipo de iniciativas. Grazas a este apoio, seguimos avanzando en proxectos que protexen a contorna mariña e fomentan a concienciación ambiental, xerando ao mesmo tempo oportunidades reais para persoas con discapacidade. Esta colaboración representa moito máis que unha achega puntual: é unha forma de entender o compromiso coa contorna e coa sociedade. Accións como esta nos lembran que, cando sumamos esforzos, pódese construír un futuro máis inclusivo, sostíbel e conectado co noso territorio”.

O impacto social da reciclaxe

Vegalsa-Eroski mantén desde hai anos unha estreita colaboración con Amicos no desenvolvemento de proxectos vinculados á reciclaxe e a distintas iniciativas medioambientais. A compañía participou activamente en labores de limpeza integral de praias no marco de proxectos como REMAR, LABMAR ou CABALGA, todos eles liderados por persoas con discapacidade e centrados na custodia ambiental e a redución de residuos no espazo mariño protexido do arco atlántico galego.

Así mesmo, colaborou no proxecto de restauración e conservación de bosques de gorgonias nos fondos mariños da zona de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

A entidade social tamén participa cada ano na Xornada de RSE organizada pola compañía, onde, entre outras accións, impulsou iniciativas como un photocall solidario. Ademais, Amicos foi unha das asociacións beneficiarias da campaña Céntimos Solidarios de Vegalsa-Eroski en 2024.

Outros artigos

A marca Dior contrata á deseñadora boirense María Alborés

Un dos deseños de María Alborés Mesturar o luxo da marca Dior co arrecendo a mar de calquera porto de Boiro é xa unha realidade. E detrás desa confluencia case imposíbel convertida agora en realidade atopamos a unha moza galega de 28 anos que se chama María Alborés...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.