
Para festexar o Día Internacional do Libro, que se celebra cada 23 de abril, o Concello de Ribeira organiza un espectáculo pensado para a comunidade educativa que terá lugar ás 12 horas, no novo Auditorio municipal. A función que se representará será: O arcón de Noa, obra dirixida a un público infantil e familiar a partir de 3 anos, onde a través da linguaxe da danza contemporánea, a utilización de obxectos e a interacción co dispositivo escénico, amósase ao espectador múltiples situacións e personaxes guiados por unha narración clásica de conto de maxia e fantasía.
Entre os temas a abordar nesta peza salientan: a empatía, a sostibilidade, a cooperación, a diversidade, a inclusión e o respecto ao diferente; todos eles son valores sociais para o desenvolvemento das crianzas.
“Chega o Día Internacional do Libro e optamos por programar un espectáculo onde ten gran peso a narración clásica pensando así nunha actividade lúdica que achegue a lectura pensando especialmente nos máis pequenos para, con este tipo de iniciativas, ir creando en cada un deles o gusto polo mundo das letras”, en palabras da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
Un libro estimula a imaxinación, pero tamén é unha ferramenta pedagóxica como se exemplifica na función, segundo indica a edil de Educación, Nucha Brión. “Cremos que é moi importante fomentar a lectura dende idades temperás e, por iso, co gallo deste efeméride, puxemos o foco nas crianzas. A literatura convida a viaxar por mundos creados a través da palabra escrita, estimulando a creatividade dos nenos e nenas ao imaxinar o que transmiten as letras plasmadas nas páxinas. Pero as obras tamén son unha ferramenta pedagóxica que transmiten importantes valores sociais”, manifesta.
O argumento do espectáculo xira arredor de Noa, unha nena que vive coa súa nai e non ten con quen xogar. No seu arcón garda xoguetes que xa non a entreteñen. Todo parece vello e apagado no seu mundo solitario. Pero un día, sen decatarse, activa un encantamento e entra no mundo máxico que habita no arcón, onde os xoguetes cobran vida e un ser misterioso goberna sobre eles. Esta posta en escena está fundamentada nas coreografías e nun dispositivo cunha estética colorida chea de fantasía e sorpresas, acompañada dun deseño de iluminación e un espazo sonoro que crean os diferentes ambientes e emocións que van guiando a narración.




