
Este venres 17 de abril o pobo de Rianxo vai render homenaxe a José María Vicente Somoza (O Peruco), veciño de Leiro, con motivo do 50 aniversario do achado de Casco de Leiro.
A cita será este venres ás 19.00 horas no Pazo de Martelo. Organiza a Asociación Etnolóxica Castelao en colaboración co Concello de Rianxo.
O acto central da xornada inclúe unha mesa redonda moderada polo secretario da asociación devandita, Xusto Ordópez, na que intervirán destacadas personalidades do ámbito institucional e académico, por exemplo Bea Comendador, profesora da Universidade de Vigo, Julián Bustelo, alcalde de Rianxo, Roberto Pena, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, Elena Cabrejas, arqueóloga do CSIC, Manuel Gago, investigador e doutor en Xornalismo, Rafael María Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, e Mario César Vila, arqueólogo de Tempos Arqueólogos e profesor da Universidade de Santiago.
Un 7 de abril de 1976
José María Vicente, O Peruco, atopou o 7 de abril de 1976 o célebre Casco de Leuro, un dos tesouros arqueolóxicos galegos que máis misterio atesoura de cantos foron datados na Idade de Bronce na nosa terra.
O pescador José María Vicente Somoza atopábase naquel momento realizando traballos no seu terreo, situado xunto ao mar, onde acondicionaba unha pequena caseta para gardar a súa embarcación e os aparellos de pesca. “Aquel xesto cotián acabou converténdose nun dos achados arqueolóxicos máis relevantes da prehistoria galega”, explican dende a Asociación Etnolóxica Castelao, engadindo que “case medio século despois do seu descubrimento, o Casco de Leiro continúa a ser un dos obxectos máis singulares da prehistoria de Galicia”. A súa aparición, apuntan, permitiu reavaliar o papel do noroeste peninsular durante a Idade do Bronce, “demostrando que Galicia non estaba illada, senón que formaba parte das grandes correntes culturais que atravesaban Europa naquela época”.
Máis detalles do achado
José María Vicente Somoza, mentres escavaba cunha picocha, ao redor das doce do mediodía, atopou unha vasilla de barro enterrada a uns 60 centímetros de profundidade. No seu interior apareceu unha peza metálica que nun primeiro momento pensou que era de ferro. Porén, un compañeiro que observaba o achado advertiulle de que se trataba de ouro. Durante tres días o obxecto permaneceu na súa casa, onde numerosos veciños acudiron a velo, incluídos os párrocos do Araño e de Leiro. Finalmente, por recomendación destes, decidiu entregar a peza ás autoridades. O casco permaneceu durante 18 días custodiado no cuartel da Garda Civil de Rianxo, ata que foi trasladado ao ámbito institucional para o seu estudo e conservación.
Pola entrega do achado, José María Vicente Somoza recibiu un millón de pesetas (uns 6.000 euros), unha cantidade que posteriormente se considerou moi inferior ao valor real da peza. Segundo recorda o propio descubridor, a familia foi sometida a presións e informacións confusas durante o proceso administrativo.
Na actualidade, o chamado Casco de Leiro consérvase e exhíbese no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón, na Coruña, onde pode ser visitado polo público. O propio descubridor manifestou sempre a súa satisfacción por que a peza permaneza na provincia e accesible á cidadanía. O casco continúa considerado unha das pezas máis enigmáticas da Idade do Bronce europea
O Casco de Leiro é unha peza de ouro macizo martelado dunha soa lámina, cun peso aproximado de 270 gramos, 19,5 centímetros de diámetro e 15 centímetros de altura. A súa superficie está decorada con bandas de círculos concéntricos repuxados, e presenta na parte superior un característico apéndice cónico que deu lugar a múltiples interpretacións.
A pesar da súa denominación popular, os especialistas coinciden en que non se trata dun casco de uso militar, xa que a súa estrutura é demasiado fina para cumprir unha función protectora. As teorías máis aceptadas apuntan a que podería tratarse dun obxecto ritual ou simbólico, é posíbel que unha cunca invertida de carácter cerimonial ou un símbolo de poder ou autoridade vinculado a prácticas relixiosas.
O achado de Leiro, datado entre os anos 1000 e 800 a.C., sitúase dentro dun contexto cultural máis amplo da Europa da Idade do Bronce. O casco presenta claras similitudes con outros obxectos de ouro decorados con motivos xeométricos atopados en distintos puntos do continente, como os conos dourados de Schifferstadt (Alemaña), as coroas irlandesas de Comerford, as cuncas de Axtroki (Guipúscoa) ou o Tesouro de Villena (Alicante). Estes paralelismos apuntan á existencia dunha rede simbólica e cultural europea ligada ao ouro, ao sol e ao ritual, na que o noroeste peninsular tamén estaba integrado.
O feito de que a peza aparecese coidadosamente depositada no interior dunha vasilla de barro e enterrada, reforza a hipótese de que formase parte dun acto ritual ou ofrenda, se cadra relacionado con crenzas espirituais vinculadas ao territorio e á fertilidade.





