Rianxo enxalza a xenerosidade de José Vicente Somoza, O Peruco, descubridor en 1976 do Casco de Leiro

18 Abril 2026

O auditorio do Pazo do Martelo en Rianxo logrou este venres 17 de abril un cheo total con motivo da homenaxe que a veciñanza do concello quixo dedicar a José Vicente Somoza, responsábel de atopar, hai xa medio século, un dos grandes tesouros arqueolóxicos da nosa terra: o Casco de Leiro, destacada peza da Idade de Bronce europeo. O acto foi organizado pola Asociación Etnolóxica Daniel A. Rodríguez Castelao e o Concello de Rianxo, e contou coa implicación total da veciñanza de Rianxo.

O acto central da xornada incluíu unha mesa redonda moderada polo secretario da asociación devandita, Xusto Ordópez, na que interviñeron Bea Comendador, profesora da Universidade de Vigo, Julián Bustelo, alcalde de Rianxo, Roberto Pena, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, Elena Cabrejas, arqueóloga do CSIC, Rafael María Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, e Mario César Vila, arqueólogo de Tempos Arqueólogos e profesor da USC.

Tamén interveu o pobrense Manuel Gago, historiador, profesor da USC e comunicador, quen salientou a xenerosidade de José Vicente Somoza ao compartir o tesouro do Casco de Leiro, tralo seu achado, co pobo de Rianxo e con Galicia (trala súa incorporación Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón, na Coruña).

José Vicente Somoza fotografado por Manuel Gago

Un 7 de abril de 1976

José María Vicente, O Peruco, atopou o 7 de abril de 1976 o célebre Casco de Leiro, un dos tesouros arqueolóxicos galegos que máis misterio atesoura de cantos foron datados na Idade de Bronce na nosa terra.

O pescador José María Vicente Somoza atopábase naquel momento realizando traballos no seu terreo, situado xunto ao mar, onde acondicionaba unha pequena caseta para gardar a súa embarcación e os aparellos de pesca. “Aquel xesto cotián acabou converténdose nun dos achados arqueolóxicos máis relevantes da prehistoria galega”, explican dende a Asociación Etnolóxica Castelao, engadindo que “case medio século despois do seu descubrimento, o Casco de Leiro continúa a ser un dos obxectos máis singulares da prehistoria de Galicia”. A súa aparición, apuntan, permitiu reavaliar o papel do noroeste peninsular durante a Idade do Bronce, “demostrando que Galicia non estaba illada, senón que formaba parte das grandes correntes culturais que atravesaban Europa naquela época”.

Foto dos participantes no acto de homenaxe nunha imaxe compartida por Tito O Dulceiro

Máis detalles do achado

José María Vicente Somoza, mentres escavaba cunha picocha, ao redor das doce do mediodía, atopou unha vasilla de barro enterrada a uns 60 centímetros de profundidade. No seu interior apareceu unha peza metálica que nun primeiro momento pensou que era de ferro. Porén, un compañeiro que observaba o achado advertiulle de que se trataba de ouro. Durante tres días o obxecto permaneceu na súa casa, onde numerosos veciños acudiron a velo, incluídos os párrocos do Araño e de Leiro. Finalmente, por recomendación destes, decidiu entregar a peza ás autoridades. O casco permaneceu durante 18 días custodiado no cuartel da Garda Civil de Rianxo, ata que foi trasladado ao ámbito institucional para o seu estudo e conservación.

Pola entrega do achado, José María Vicente Somoza recibiu un millón de pesetas (uns 6.000 euros), unha cantidade que posteriormente se considerou moi inferior ao valor real da peza. Segundo recorda o propio descubridor, a familia foi sometida a presións e informacións confusas durante o proceso administrativo.

Na actualidade, o chamado Casco de Leiro consérvase e exhíbese no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón, na Coruña, onde pode ser visitado polo público. O propio descubridor manifestou sempre a súa satisfacción por que a peza permaneza na provincia e accesible á cidadanía. O casco continúa considerado unha das pezas máis enigmáticas da Idade do Bronce europea

O Casco de Leiro é unha peza de ouro macizo martelado dunha soa lámina, cun peso aproximado de 270 gramos, 19,5 centímetros de diámetro e 15 centímetros de altura. A súa superficie está decorada con bandas de círculos concéntricos repuxados, e presenta na parte superior un característico apéndice cónico que deu lugar a múltiples interpretacións.

A pesar da súa denominación popular, os especialistas coinciden en que non se trata dun casco de uso militar, xa que a súa estrutura é demasiado fina para cumprir unha función protectora. As teorías máis aceptadas apuntan a que podería tratarse dun obxecto ritual ou simbólico, é posíbel que unha cunca invertida de carácter cerimonial ou un símbolo de poder ou autoridade vinculado a prácticas relixiosas.

O achado de Leiro, datado entre os anos 1000 e 800 a.C., sitúase dentro dun contexto cultural máis amplo da Europa da Idade do Bronce. O casco presenta claras similitudes con outros obxectos de ouro decorados con motivos xeométricos atopados en distintos puntos do continente, como os conos dourados de Schifferstadt (Alemaña), as coroas irlandesas de Comerford, as cuncas de Axtroki (Guipúscoa) ou o Tesouro de Villena (Alicante). Estes paralelismos apuntan á existencia dunha rede simbólica e cultural europea ligada ao ouro, ao sol e ao ritual, na que o noroeste peninsular tamén estaba integrado.

O feito de que a peza aparecese coidadosamente depositada no interior dunha vasilla de barro e enterrada, reforza a hipótese de que formase parte dun acto ritual ou ofrenda, se cadra relacionado con crenzas espirituais vinculadas ao territorio e á fertilidade.

Outros artigos

Publicidade

PEL
PEL

Revista en papel

Opinión

“Noia sí, Lugo no” – Carlos Moledo

“Noia sí, Lugo no” – Carlos Moledo

Hay una vieja trampa del poder que consiste en creer que las herramientas de la política pertenecen a quienes las inventan. Que el garrote es legítimo en tus manos y criminal en las del adversario. Que la ley vale cuando te protege y es injusta cuando te golpea. La...

“El alma, un sentimiento” – Manuel Domínguez

“El alma, un sentimiento” – Manuel Domínguez

El ser más débil del universo, se considera el rey del Mambo. El hombre proa histórico se considera el dueño del universo, se considera inmortal a través del alma, se considera todo en el todo siendo nada, el mas devil. Los peces no necesitan al hombre para vivir,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.