A Plataforma Defensa Sanidade Pública Barbanza cumpre xa cinco noites de peche nas instalacións sanitarias do Hospital da Barbanza, nunha protesta coa que buscan abrir un diálogo coa xerencia da área sanitaria e a dirección do centro.

O peche impulsado pola Plataforma en defensa da sanidade pública da comarca do Barbanza no Hospital do Barbanza cumpre xa cinco noites sen que, segundo denuncian, se producise o encontro solicitado coa xerencia da área sanitaria nin coa dirección do centro. O colectivo reclama transparencia nas listas de espera e medidas reais para reducir os tempos de atención.
Nos últimos días, a plataforma respondeu ás declaracións do Sergas, que defendía unha “xestión resolutiva” baseada en “datos obxectivos” e avanzaba a consolidación dos avances acadados. Fronte a isto, as persoas mobilizadas aseguran que os datos oficiais “non reflicten a realidade completa”, ao non incluír as segundas consultas nin as probas diagnósticas derivadas destas, que poden acumular demoras superiores a un ano.
Segundo explican, esta situación foi constatada por pacientes que se achegaron ao peche e amosaron as súas citas a través da aplicación E-saúde. “Non se trata de casos illados”, aseguran. Ademais, cuestionan que as medias oficiais das primeiras consultas —que mesturan citas urxentes, preferentes e ordinarias— oculten esperas moito máis longas para unha parte significativa da poboación.
Como exemplo, sinalan que en decembro de 2025 a media de espera para traumatoloxía era de 55,1 días e para cirurxía xeral de 40,3, cando “moitas persoas da área están agardando preto de seis meses” para esas especialidades.
A plataforma detalla tamén tempos de espera que, segundo a súa información, superan amplamente os datos oficiais: máis dun ano en revisións de traumatoloxía, cirurxía xeral e endocrinoloxía; entre 9 e 12 meses en colonoscopias ou consultas de psicoloxía; e entre 6 e 9 meses en áreas como rehabilitación, reumatoloxía, xinecoloxía ou psiquiatría. Mesmo probas como TAC ou ecografías de mama sitúanse arredor dos seis meses de demora.
En relación á lista cirúrxica, subliñan que, aínda que o Sergas sitúa a espera por baixo dos seis meses, ese cálculo só ten en conta o tempo desde que se decide a intervención, “sen contemplar o longo percorrido previo” que inclúe atención primaria, consultas especializadas e probas diagnósticas.
O colectivo critica tamén a negativa da dirección do hospital e da xerencia a manter unha reunión. Segundo indican, o xerente só aceptaría tratar queixas individuais, algo que consideran insuficiente: “Trátase dun problema estrutural que require solucións globais”, sinalan.
Neste contexto, a plataforma anunciou unha nova acción reivindicativa para este martes 28 de abril, ás 12.00 horas, cun “enterro simbólico” diante da entrada principal do hospital, co que buscan visibilizar a situación e reclamar diálogo.
Mentres tanto, os participantes aseguran que manterán o peche ata obter unha resposta: “O hospital é da nosa comunidade e imos seguir loitando por unha sanidade pública mellor para todos e todas”, conclúen.




