O PSdeG de Ribeira vén de presentar unha proposta ao pleno municipal da Corporación para impulsar a adquisición e rehabilitación do inmóbel coñecido como Cine Millán, coa finalidade de convertelo nun espazo cultural ao servizo da parroquia de Palmeira. Para os socialistas, esta iniciativa responde a “unha demanda da veciñanza e representa unha oportunidade única para recuperar un espazo histórico de gran valor nunha contorna privilexiada”.

O grupo socialista pon en valor a importancia de dotar a Palmeira dunha casa de cultura ou dun centro social público, un equipamento que permitiría reforzar a actividade cultural e social da parroquia, favorecer a participación veciñal e dinamizar a vida comunitaria. Neste sentido, destacan que “a falta de solo dispoñíbel na zona consolidada fai especialmente relevante a recuperación de espazos xa existentes como o Cine Millán”.
Desde o PSdeG subliñan “o valor histórico e simbólico do edificio”, que foi primeiro unha fábrica de salgadura e posteriormente un cine e pista de baile, formando parte da memoria colectiva de xeracións de veciños e veciñas de Palmeira. A súa recuperación, sinalan, “permitiría preservar este legado, poñelo en valor e transmitilo ás novas xeracións”.
A proposta contempla “a creación dun espazo cultural polivalente, no que se poñan en valor os elementos industriais da antiga fábrica e se recupere tamén a súa dimensión cultural, cunha pequena sala de proxección en homenaxe ao antigo Cine Millán, así como espazos para actividades sociais, culturais e educativas”.
O portavoz socialista destacou que “estamos ante unha oportunidade única para recuperar un espazo que forma parte da historia de Palmeira e convertelo nun punto de encontro para o presente e o futuro da parroquia”. Nesa mesma liña, Suárez-Puerta engadiu que “non se trata só de rehabilitar un edificio, senón de devolver á veciñanza un lugar que xa foi seu e que segue moi presente na memoria colectiva”.
Opinan tamén que a adquisición e rehabilitación deste espazo debe entenderse como “un investimento estratéxico que contribuirá á dinamización cultural, á cohesión social e á posta en valor do patrimonio local”.
“Palmeira merece contar cun espazo cultural propio á altura da súa historia e da súa identidade”, sinalou o portavoz.
O PSdeG destaca que “esta proposta encaixa coa liña de recuperación e posta en valor do patrimonio que se vén desenvolvendo no municipio, apostando por proxectos que reforcen a identidade das parroquias e melloren a calidade de vida da veciñanza, xerando ao mesmo tempo novos espazos de encontro e convivencia”.





