Foi, dende a cidade onde vive e traballa, ao lugar onde permanece co teito enteiro a casa onde
nacera, a mediados do século pasado. Alí, nunha das vigas de castiñeiro daquel enorme e baleiro
curral, estaban as andoriñas facendo o niño. Ían e volvían enseguida con terra mollada no peteiro,
con barro e herbas miúdas. Estaban preparando o leito para pór os ovos e deitarse sobre eles, para
chocalos ao longo de quince días. Nese mesmo niño estarán os pitos, arredor de vinte días, coidados
e alimentados con insectos que lles levan á boca os proxenitores.
As andoriñas son da familia dos hirundínidos. A súa parte superior é de cor negra azulada, a inferior
branca e a testa e a gorxa vermellas. Son fermosas e voadoras de grande resistencia, con ás
rematadas en punta e coa cola gallada. Elas marcan os ciclos do pasar do tempo, sinalan etapas e
lembran costumes de vida. Cando se retrasan ou faltan, algo está ocorrendo.
Cando chegan as andoriñas, chega a primavera e o cuco anuncia cantando o seu canto, cu-cu, polos
amenceres de cada día. Como di o refrán, que repetían as xentes do rural, “se o cuco non vén antes
de mediados de abril, ou morreu ou é un ano moi ruín”. O noso amigo escoitou o cuco e
emocionoulle o seu cantar. Gustoulle menos a actitude destes paxaros, que poñen un ovo nos niños
doutros paxaros para que os choquen e manteñan aos pitos, mentres a parella de cucos adultos, no
mes de xullo, colle voo e vaise para aproveitar o clima cálido de África.
Neste tempo tamén chama a atención a curuxa, unha ave de cor parda dourada, branca e cinsenta
que canta polas noites e que aparece referenciada con ironía en moitos ditos populares, como este:
“cregos, frades, curuxas e choias, dou ao diaño esas catro xoias”. O seu curuxar tamén serve para
indicar o tempo ou o cambio de tempo, “curuxa noiteira, malladores á eira” e “curuxa tardega, auga
noitega”.
Alí, naquel lugar, ao carón do curral onde aniñaban as andoriñas, despois dos cantares da curuxa e
do cuco, pola mañá, coas primeiras raiolas de sol, escoitou un son, up-up-up, e de contado fóronlle
os ollos á crista eréctil dunha bubela, que andaba na esquina do prado á procura dunhas larvas.
Como di a Tía Manuela, “menos mal que aínda queda o sinal dalgún paxaro”.
“Noia sí, Lugo no” – Carlos Moledo
Hay una vieja trampa del poder que consiste en creer que las herramientas de la política pertenecen a quienes las inventan. Que el garrote es legítimo en tus manos y criminal en las del adversario. Que la ley vale cuando te protege y es injusta cuando te golpea. La...





