O equipo Robot City Pobra representa a Galicia na FIRST LEGO League España que se disputa este 11 de abril en Burgos

09 Abril 2026

Este 11 de abril vai brillar en Burgos o talento tecnolóxico da rapazada da Pobra, concretamente na final da FIRST LEGO League España. Alí estarán, logo dos seus éxitos na duodécima edición da First LEGO League Galicia, celebrada o pasado mes de marzo no Campus de Ferrol as e os integrantes do equipo Robot City Pobra (pertencente á academia Academia Mega de Ribeira, que acadou no Campus de Ferrol o primeiro premio Ingenier@ Soy, o máximo recoñecemento do torneo). O grupo de novas e novos desenvolvedores (Elena, Sira, Bianca, Ari, Nico, Marcos e Pablo) da Pobra do Caramiñal representarán a Galicia na final de Burgos xunto con dous equipos de Narón e Vigo.

Segundo informan dende a academia, este venres ás 10.50 sairán da Pobra cara a Castela, logo de ser despedidos polo alcalde José Carlos Vidal.

Os seus adestradores en Mega (Alberto Cascallar e Raúl Sampedro) confirmaron que os rapaces acoden a Burgos “con moita ilusión, con moitas horas traballadas e con moito esforzo da súa parte”, xa que os apoios das administracións cos que contan son mínimos (todo o relacionado coa viaxe e co aloxamento tivo que ser asumido polas familias das e dos integrantes do equipo Robot City Pobra).

Na final estatal terán que poñer a proba as súas habilitades e coñecementos e materia de desenvolvemento de robots, completando até quince desafíos en dous minutos e medio (cada un). A finalidade é acadar a máxima cantidade de puntos.

O grupo de desenvolvedores Robot City Pobra non acode só ao evento deste sábado, faino acompañado do equipo H4CKZ4POS, de Gazapo Xestión (Narón, A Coruña), que logrou o Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador; e máis do equipo Montecastelo BOT, do Colexio Fomento Las Acacias (Vigo, Pontevedra), que logrou o Terceiro Premio Campus Industrial de Ferrol ao Gañador.

O evento será organizado pola Universidad de Burgos (UBU) no Fórum Evolución – Palacio de Congresos y Auditorio.

Que é a FIRST LEGO League?

A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en 3 categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías limpas. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.

O desafío FIRST LEGO League en España

Desde o ano 2022, a Asociación ingeniera.soy é a entidade que impulsa a FIRST LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é unha realidade grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM.

Como funciona a FIRST LEGO League?

Cada equipo achégase á temática anual deseñando e construíndo un robot que sexa quen de resolver os retos propostos. Ademais, a rapazada participante terá que investigar sobre esa temática e realizar un Proxecto de Innovación que propoña unha solución a un problema real. Os equipos documentarán o seu traballo e compartirán os seus achados. Ao longo da experiencia, cada un dos mozos e mozas deberá defender os Core Values fundamentais da FLL: o descubrimento, o traballo en equipo, a inclusión, o impacto, a diversión, a innovación e o gracious professionalism.

O desafío deste ano leva o nome de Unearthed e está inspirado no mundo da arqueoloxía. Nesta tempada, os e as participantes terán a oportunidade de explorar como os descubrimentos do pasado nos poden axudar a deseñar un futuro mellor. Deste xeito, os equipos terán que investigar sobre temas históricos desenterrando misterios do pasado mentres deseñan as tecnoloxías do futuro.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.