
O Concello de Padrón informa da apertura do prazo para solicitar a reserva de praza na Escola Infantil municipal para o curso 2026-2027, que permanecerá aberto do 9 ao 18 de abril.
As persoas interesadas deberán presentar o formulario de solicitude xunto coa documentación complementaria requirida. A tramitación poderá realizarse de xeito presencial no Rexistro do Concello de Padrón, preferentemente a través do departamento de Servizos Sociais, ou ben de forma telemática a través da sede electrónica municipal na ligazón habilitada.
No que respecta á documentación, será necesario achegar a acreditación da situación familiar mediante o libro de familia ou documento equivalente, así como copia do DNI da nai, do pai ou da persoa titora legal.
Ademais, poderán presentarse acreditacións específicas en casos como familias numerosas ou monoparentais, partos múltiples, situacións de discapacidade ou enfermidade dalgunha persoa da unidade familiar, ou no caso de deportistas ou persoal técnico de alto nivel en Galicia. Nos supostos de separación, divorcio ou nulidade matrimonial, deberá incorporarse a documentación relativa ao réxime de visitas, e no caso de acollemento familiar, presentar a resolución. De non residir no municipio será preciso presentar certificado de empadroamento.
Tamén se deberá acreditar a situación económica e laboral da unidade familiar mediante unha declaración xurada. As persoas traballadoras en activo deberán presentar a última nómina ou un certificado de empresa, ou xustificación trimestral no caso de persoas autónomas, mentres que as persoas en situación de desemprego deberán achegar certificación do INEM ou do organismo autonómico correspondente. No caso de ter presentado a declaración da renda, será necesario incluír copia do IRPF do ano 2024 de todas as persoas obrigadas a declarar, así como a comunicación da Axencia Tributaria se se solicitou devolución rápida. Se non se presentou a declaración, deberase achegar o certificado de datos da AEAT xunto cun certificado de empresa. As persoas perceptoras da RISGA deberán presentar a resolución correspondente da Consellería de Política Social, e nos casos nos que non sexa posible acreditar ingresos será preciso contar cun informe social.
Determinada documentación, como a acreditación da situación familiar, a copia do DNI e a declaración xurada da situación económica e laboral, deberá presentarse en todos os casos, con independencia da situación particular de cada unidade familiar.
Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar co departamento de Servizos Sociais no teléfono 981 817 025 ou a través do correo electrónico servizos.sociais@padron.gal.



