O Concello da Pobra presenta o VII Ciclo Victoriano García Martí

14 Abril 2026

O Concello da Pobra do Caramiñal presentou na mañá deste 14 de abril o VII Ciclo Victoriano García Martí, unha iniciativa xa consolidada no calendario cultural do municipio que rende homenaxe a unha das figuras máis destacadas da súa historia.

A programación, impulsada pola Concellería de Cultura en colaboración co Museo Valle-Inclán, entidade encargada da conservación, xestión e difusión do fondo documentar de García Martí, depositado pola familia Bermejo Rubio, foi debullada pola concelleira desta área, Patricia Lojo, e o director do museo, Antonio González Millán. A través desta iniciativa, o Concello busca “reafirmar o seu compromiso coa memoria cultural da vila”, sinalou, ao tempo que puxo en valor a continuidade desta cita anual, subliñando que “manter vivo este ciclo supón un importante reto, especialmente pola falta de investigación académica sobre a súa figura e o esquecemento xeral deste intelectual tan destacado na súa época”.

Lojo salientou que iso é un impulso para “seguir traballando e recuperar e poñer en valor a súa traxectoria, facéndolla chegar aos nosos veciños e veciñas”.

Pola súa parte, González asegurou que é importante que “o público, e quen desexe sumar as súas investigacións para o estudo e maior coñecemento da figura de GM, saiba que é no Museo Valle-Inclán e A Pobra do Caramiñal, onde se reúne a maior parte dos seus documentos, escritos e publicacións, xunto co Museo do Pobo Galego da capital galega”.

O programa

A programación desenvolverase ao longo das xornadas do venres, 17 de abril, e o sábado, día 18, combinando distintas actividades.

O programa dará comezo o venres ás 18.30 horas cunha ruada polas prazas e rúas a cargo do grupo Trécola Tradicional, ao que seguirá, ás 19.00 horas, unha ofrenda cívica no busto de Victoriano García Martí, situado na praza homónima. A xornada completarase coa instalación de iconas en loanza do homenaxeado e unha lectura pública de textos da súa autoría.

No que respecta ao sábado, este día desenvolverase a entrega de exemplares facsímile de obras de Victoriano García Martí editadas polo Concello no Cantón da Leña ás 18.30 horas. A continuación, ás 19.00 horas, celebrarase a palestra de Antonio González Millán titulada A Campaña <<pro pazo>> de García Martí: Rescatar a Torre dos Valle Bermúdez en honor de Valle-Inclán (1935), que dará paso a un faladoiro co público moderado por Xesús Laíño Briones-Arén, no Museo-Salón do futuro Centro de Estudos Valle-Inclán.

Lojo concluíu a súa intervención animando á veciñanza a participar nas diferentes actividades programadas, destacando que este ciclo é unha gran oportunidade “para conectar cunha figura moi relevante na nosa historia”.

Outros artigos

A marca Dior contrata á deseñadora boirense María Alborés

Un dos deseños de María Alborés Mesturar o luxo da marca Dior co arrecendo a mar de calquera porto de Boiro é xa unha realidade. E detrás desa confluencia case imposíbel convertida agora en realidade atopamos a unha moza galega de 28 anos que se chama María Alborés...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.