O BNG esixe “medidas claras” para garantir o futuro do marisqueo ante unha situación “límite”

09 Abril 2026

A nacionalista Rosana Pérez, deputada da Pobra, vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate no Parlamento de Galiza relativa ás medidas anunciadas pola Xunta para a recuperación dos bancos marisqueiros afectados polos temporais deste inverno.

Lembrou que “tras varios meses nos que as condicións meteorolóxicas impediron o desenvolvemento normal da actividade pesqueira, marisqueira e mexilloeira nas rías galegas, a Consellería do Mar realizou mostreos durante máis de catro semanas para avaliar o impacto dos temporais, e finalmente, o pasado 23 de marzo, o Goberno galego anunciou un paquete de medidas valorado en 22,7 millóns de euros que se pretenden destinar para a recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros”.

Respecto deste paquete de medidas Pérez di que “falta información clara e detallada sobre estas actuacións” e engade: “Fálase de convenios de colaboración coas confrarías sen explicar cales son, en que consisten ou cales foron os criterios para conveniar con unhas e con outras non; fálase de zonas con mortalidade severa ou moderada, máis non se explicita cales son nin cales foron os criterios para a súa declaración; tamén falan de que as confrarías remunerarán os traballos das persoas mariscadoras pero tampouco especifican as cantidades nin o tempo que as percibirían”.

A iniciativa tamén sinala “a insuficiente concreción de partidas como os 1,5 millóns de euros destinados á repoboación de especies ou os 2 millóns para proxectos de conservación e restauración da biodiversidade mariña, das que non se coñecen nin criterios nin destinatarios”.

Pola súa banda, a responsábel do BNG na comarca de Muros-Noia e deputada provincial, Sol Agra, incide “na gravidade da situación económica na que queda o sector dos concellos da ría”, sobre todo Noia, Outes e Muros, que, segundo dixo,” son os que máis número de persoas con permisos de marisqueo a pé teñen”. E engadiu: “As sucesivas crises de produtividade non están sendo xestionadas dun xeito planificado, só vemos improvisación cando a situación xa é crítica cada ano. Non se contou co sector de a pé para consensuar estas medidas que se supón que veñen para mellorar a súa situación e que non se perdan miles de postos de traballo, maioritariamente femininos, nunha comarca xa moi deficitaria deles”.

Segundo sinalan os nacionalistas, “esta falta de transparencia está a xerar críticas e desconfianza entre as confrarías, algunhas das cales xa amosan reticencias a asinar os convenios propostos pola Consellería”, din, engadindo que “reclamamos un cambio de actitude por parte da Xunta de Galiza para comezar a traballar man a man co sector marisqueiro ante unha situación límite, e dar un trato acorde á gravidade do momento, con medidas claras e cun orzamento suficiente que permita ás mariscadoras planificar o seu futuro”.

Asemade, o portavoz do BNG en Noia, Ricardo Suárez, cualificou de “deplorábel” a actitude da Xunta co sector marisqueiro da ría de Muros e Noia: “De ningunha das maneiras é de recibo este trato por parte dunha Consellería que coñece que a situación do sector é límite, que anuncia unha serie de millóns en axudas que, como pasou en outras ocasións, non se van poder executar, ou que se oculte información e se trate de confundir”.

Por medio desta iniciativa, instan ao Goberno galego a facer públicos todos os criterios que vai seguir a Consellería do Mar para desenvolver as axudas anunciadas; a ampliar as cantidades que se fixeron públicas e que percibirán as persoas mariscadoras afectadas, igualándoas como mínimo ao que recibirían por cese de actividade; atender con axudas directas ás confrarías que teñen dificultades para manter a súa actividade por falta de ingresos; levar a cabo todas as accións para dispoñer de sementeiras propias ou mixtas para a repoboación dos bancos sen demoras; e negociar co Estado español a bonificación das cotas da Seguridade Social dende novembro de 2025 ata que se normalice a actividade marisqueira”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.