O BNG eríxese en Rianxo como “a única forza política que defende o sector do mar”

23 Abril 2026

O Bloque Nacionalista Galego celebrou un encontro coa veciñanza de Rianxo enmarcado na campaña Co BNG, Galiza gaña para trasladar á cidadanía o traballo realizado nas Cortes do Estado durante esta lexislatura e os avances concretos acadados en beneficio da sociedade galego.

Durante o acto, alén da intervención do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego Candamil, a concelleira do BNG en Rianxo, Sarela Betanzos, puxo en valor os logros conseguidos grazas ao Acordo e Investidura e á acción política “útil e decisiva” da organización nacionalista en Madrid.

Pola súa parte, Néstor Rego salientou os avances acadados en materia de políticas sociais, destacando que “a suba das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC é un compromiso co BNG recollido no Acordo de Investidura e unha medida fundamental para garantir unha vida digna ás persoas con menos recursos”.

O deputado tamén destacou o progreso na ampliación dos permisos de paternidade e maternidade até as 20 semanas, sinalando que “aínda que non está completamente desenvolvida, esta medida xa se sitúa en 19 semanas, o que supón un avance importante na conciliación e na igualdade”.

Sobre un ámbito estratéxico para a Galiza como é o sector do mar, o deputado nacionalista explicou que o BNG vén de acordar co Goberno do Estado un conxunto de medidas específicas de apoio ao sector pesqueiro galego, complementarias ás recollidas no Real Decreto Lei anticrise. “Este acordo”, dixo, “recolle medidas necesarias para atender algunhas demandas do sector pesqueiro galego, apostando pola formación, o coñecemento científico e a mellora da capacidade operativa”. Entre estas medidas, Rego Candamil subliñou a posta en marcha dun plan de formación pesqueira a bordo do buque-escola Intermares, destinado a mozos e mozas, co obxectivo de garantir o relevo xeracional. “Esta iniciativa é fundamental para facilitar o acceso ao sector e dar resposta á falta de persoal cualificado que está a sufrir a frota galega”, explicou o deputado do BNG no Congreso.

Lembrou tamén que o acordo contempla a realización dun estudo exhaustivo sobre a produtividade das rías galegas por parte do Instituto de Oceanografía, co fin de analizar a perda de produtividade e establecer medidas correctoras que permitan restaurar a calidade ambiental e garantir a sustentabilidade. Sinalou que outro dos puntos destacados é o compromiso de estabelecer mecanismos de intercambio de cotas con terceiros países para aumentar as posibilidades de captura de especies clave como a raia, a xarda e o lirio. “Trátase dunha demanda histórica do sector para garantir a súa viabilidade económica”, indicou Rego Candamil.

O deputado nacionalista tamén recordou as melloras introducidas polo BNG na Lei de Pesca Sustentábel, entre as que destacan a elaboración dun Catálogo de Enfermidades Profesionais do sector, o impulso de convenios colectivos que garantan condicións laborais dignas e a creación dun procedemento de voto adaptado ás persoas embarcadas. “O Goberno debe cumprir estes puntos que foron incorporados polo BNG á lei” afirmou.

Pola súa parte, Sarela Betanzos incidiu na necesidade de reforzar a presenza do BNG nas Cortes do Estado para continuar avanzando na defensa dos intereses de Galiza. “É fundamental que o BNG conte con máis forza e máis representación para defender con firmeza os intereses da nosa terra” subliña.

A concelleira destaca o traballo “incansábel” e o “bo facer” do BNG tanto no Congreso como no Senado, poñendo en valor o labor de Néstor Rego Candamil como deputado e de Carme da Silva Méndez como senadora. Frente a isto, denunciou “a actitude dos partidos de obediencia estatal, que fan unha cousa aquí e a contraria en Madrid, mesmo cando o seu voto vai en contra de mellorar a vida da cidadanía galega”.

Outros artigos

O domingo 17 de maio celébrase a sétima edición da BTT de Esteiro

A Asociación Deportiva Os Salta Rejos, coa colaboración do Concello de Muros, organiza o próximo domingo 17 de maio a VII BTT de Esteiro. “Será na área recreativa do Artón, cunha ruta longa e outra curta”, explicou o concelleiro de Deportes, Damián Torea, na...

+

Inestabilidade e chuvascos no sábado nas Rías Baixas e en Santiago

O sábado 9, estará marcado pola inestabilidade nas Rías Baixas e en Santiago, baixo a influencia das baixas presións situadas ao oeste de Portugal. Agárdanse ceos con alternancia de nubes e claros, aínda que irán aparecendo chuvascos co paso das horas. Na zona das...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“As vilas invisibles”. Xosé Antonio López Silva

“As vilas invisibles”. Xosé Antonio López Silva

Non me refiro, claro está, ás vilas do homónimo título de Ítalo Calvino. En Galicia, porén, temos vilas invisibles: as do territorio do mito, como a Antioquía da Limia, mergullada pola lagoa Antela. O resto, dirán vostedes, continúan a estar ben visibles perante nós,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.