O BNG de Boiro urxe ao Goberno local a mellorar o Complexo Deportivo de Vista Alegre e o Pavillón de Valiño

29 Abril 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Boiro, vén de presentar a comezos do mes de abril unha moción no pleno da Corporación na que solicita unha actuación integral no Complexo Deportivo de Vista Alegre, así como melloras urxentes no Pavillón de Valiño. A voceira do BNG, Raquel Suárez, presenta esta iniciativa que xorde, dixo, “tralas reiteradas queixas das persoas usuarias do campo de fútbol de Vista Alegre polo mal estado do céspede”. E engadiu: “Agora mesmo temos enriba da mesa un proxecto para substituír o céspede nun dos campos, unha actuación moi necesaria pero que precisa ir un paso máis alá. Consideramos insuficiente esta medida se non vai acompañada doutras actuacións igual de necesarias para garantir o bo funcionamento das instalacións”.

Desde o grupo nacionalista lembran que o complexo de Vista Alegre é utilizado por centos de nenos e nenas da EFM Concello de Boiro, así como por diferentes equipos e categorías, polo que “resulta fundamental garantir a súa correcta conservación e mellora”.

Entre as actuacións prioritarias propostas, o BNG destaca a adquisición de bancos móbiles que permitan unha maior versatilidade no uso dos campos e sirvan de abrigo en condicións meteorolóxicas adversas. Ademais, a moción inclúe a mellora dos vestiarios, a renovación da iluminación, a instalación de marcadores dixitais e a posíbel remodelación da cuberta das gradas do denominado “campo vello”, actualmente, sinalou Raquel Suárez, “pouco funcional en días de choiva”. Engadiu que a proposta do grupo nacionalista “tamén busca poñer fin á escaseza de espazo de estacionamento na zona, habilitando novos espazos nas inmediacións do complexo deportivo”.

Por outra banda, Suárez tamén pon o foco nas deficiencias existentes noutras instalacións deportivas municipais empregadas pola EFM, como o Pavillón de Valiño. “As denuncias sobre os problemas de filtracións de auga na pista son habituais, así como a falta de iluminación no camiño de acceso”, apuntou.

A través desta moción, o BNG solicita ao pleno da corporación que inste ao Goberno local a incluír no proxecto de substitución do céspede un plan de mantemento periódico, así como a acometer as melloras necesarias en Vista Alegre. “Todas estas actuacións deben ter como prioridade garantir unhas condicións axeitadas para a práctica deportiva da infancia e da mocidade do concello.” remata a portavoz.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...