
O BNG de Barbanza está a convocar á veciñanza para pechar fileiras arredor da necesidade de fortalecer o traballo da formación nas Cortes Xerais. Nesta liña a organización promove un acto público o vindeiro día 23 de abril ás 20:00 horas no Cuartel Vello de Rianxo, co obxectivo de “reforzar o apoio social ao traballo da formación nacionalista nas Cortes Xerais”.
No acto intervirán o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a concelleira do BNG en Rianxo, Sarela Betanzos, quen abordarán “os principais retos actuais que enfronta Galiza e darán conta das iniciativas impulsadas pola organización a nivel estatal”.
O obxectivo do encontro é “informar á veciñanza da importancia de reforzar a presenza do BNG nas institucións para defender os intereses de Galiza fronte ao Estado”, e destacan o papel decisivo do grupo nacionalista na consecución de avances concretos.
Durante o acto, o BNG porá en valor medidas realizadas desde as Cortes Xerais na defensa de conexións clave na mobilidade para o país, así como os descontos nas peaxes da AP-9.
O responsábel do BNG na comarca, Fran Rei, destaca que “o papel do BNG foi fundamental para evitar que a macrocelulosa de Altri recibise fondos públicos e se instalase en Galiza, reiterando o seu ‘Altri non’ como exemplo da defensa firme do territorio”.
Así mesmo, darase conta do traballo realizado no ámbito social para o incremento das pensións mínimas por riba do IPC, a exención do IRPF para quen percibe o salario mínimo ou o seu compromiso coa defensa da paz e dos dereitos humanos.
“Na defensa de Galiza, o BNG presenta feitos, non promesas”, subliñan desde a organización, que reafirma o seu compromiso coa cidadanía galega e co avance dun proxecto político propio que sitúe os intereses do país no centro da acción política.





