Máis de 30 persoas voluntarias participaron este sábado nunha acción ambiental na duna de Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, convocadas por Afundación a través do seu portal Actúa, co obxectivo de contribuír á conservación deste espazo natural de alto valor ecolóxico.

A xornada permitiu retirar máis de 45 quilos de plantas invasoras da duna, o que supón un total de 3.000 exemplares eliminados. Entre eles contabilizáronse 1.250 plántulas e pés de piñeiro, 1.752 exemplares de conyza e 40 de Arctotheca calendula, especies que afectan ao equilibrio do ecosistema.
Ademais da eliminación de flora invasora, o voluntariado tamén levou a cabo tarefas de limpeza, recollendo arredor de 10 quilos de lixo mariño presentes na contorna.
Esta iniciativa enmárcase nas accións de voluntariado ambiental impulsadas por Afundación para promover a protección dos espazos naturais e fomentar a implicación cidadá no coidado do medio ambiente.






