Juan Luis Martínez, Barbantia e o doutor Luis Ángel León serán homenaxeados na gala-cea solidaria da AECC de Ribeira

10 Abril 2026

A xunta local da Asociación Española Contra o Cancro de Ribeira (AECC) celebrará no sábado, 18 de abril, a súa tradicional gala-cea na que se homenaxearán a persoas e entidades e que contará con máis de 500 asistentes, polo que se logran recadar arredor de 14.000 euros. A gala comezará ás 20.30 horas, seguida da cea, ás 22.00 horas, no salón de eventos do restaurante Chicolino. Neste ano, o recoñecemento recaerá no deportista Juan Luis Martínez Queiruga, na Asociación Cultural Barbantia e no doutor Luis Ángel León Mateos.

Segundo explicou a presidenta da xunta local ribeirense, María José Carreira, a distinción a Juan Luis Martínez fundaméntase no seu quefacer no eido deportivo ao longo de 30 anos, o cal transcendeu máis alá de Ribeira e fixo que o Club Natural Sport se convertese nun exemplo de elite deportiva a nivel nacional e internacional. En canto a Barbantia, destacou o seu bo facer na democratización do coñecemento, elevando a comarca a un novo modelo cultural. E, no que respecta ao doutor Luis Ángel León, fixo fincapé no seu intenso labor de humanización no tratamento das enfermidades oncolóxicas e o imprescindíbel e destacado traballo de investigación.

En representación da entidade tamén estiveron a vicepresidenta, Ramona Paz, e a secretaria, María Jesús Paz, quen destacou a importancia de facer cribados para a detección precoz do cancro, pois “salvan vidas”.

“Será unha xornada tinguida de verde, que é tamén a cor da esperanza para avanzar na loita contra esta enfermidade. Nesta tarefa é necesaria a investigación, a prevención e o apoio a pacientes e familiares; un labor que fai a Asociación Española Contra o Cancro de maneira exemplar para acadar o obxectivo de superar o 70% de supervivencia ao cancro en 2030. E quero destacar aquí o traballo que fan dende a xunta local de Ribeira para recadar fondos, sensibilizar á cidadanía e estar a carón de quen padece esta enfermidade e da súa contorna. Andainas, mesas informativas… é grande o dinamismo da AECC no noso municipio, pero máis grande é o forte impacto positivo que ten na sociedade”, en palabras do edil de Sanidade, Vicente Mariño.

A gala será presentada por Kika Fernández e a tarde-noite estará amenizada por Amores de Barra, Mimarte e sesión DJ. A totalidade das entradas xa foron vendidas a un prezo de 50 euros cada unha.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reivindica o Orgullo con música e cine

O Concello de Ribeira celebrará o Día do Orgullo 2026 cunha completa axenda na que, ademais do acto institucional, non faltarán outras de carácter lúdico. Na presentación, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto á concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...