O auditorio da biblioteca municipal acollerá este xoves, 30 de abril, a presentación do libro Canto dende Viana, do autor José Luis Durán, nun acto aberto ao público que dará comezo ás 20.00 horas.

A obra propón unha viaxe lírica pola memoria, a terra e o mar do Barbanza, cunha forte carga emocional e identitaria. A través dos seus poemas, o autor constrúe un relato íntimo no que conflúen a tradición, a infancia e a vida mariñeira, convertendo en verso temas universais como o amor, a familia ou a conciencia colectiva.
Durán ofrece así unha crónica poética profundamente enraizada na súa contorna, na que cada texto reflicte a súa vinculación coa terra natal e coa cultura mariñeira.
No acto de presentación, o escritor estará acompañado polo alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, e polo prologuista da obra, Carlos Ulloa, que participarán nun encontro que busca achegar a creación literaria á veciñanza e poñer en valor a literatura vinculada ao territorio.




