Galicia prepárase para a eclipse de agosto cunha nova web informativa e medidas de coordinación

28 Abril 2026

A Xunta de Galicia activará unha web específica dedicada á eclipse solar do vindeiro 12 de agosto de 2026, co obxectivo de ofrecer información útil á cidadanía e garantir unha observación segura deste fenómeno astronómico, que atraerá unha importante afluencia de público á comunidade.

O anuncio realizouno o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no marco da comisión interdepartamental de preparación e coordinación das actuacións vinculadas á eclipse. Este novo espazo dixital funcionará como unha xanela única de información actualizada, incluíndo recomendacións prácticas, datos técnicos e avisos de servizo.

eclipse Galicia

Entre os contidos destacados, a web permitirá consultar un mapa interactivo de Galicia con información detallada por concellos, como o tipo de eclipse (total ou parcial), horarios de inicio e final, así como predicións meteorolóxicas facilitadas por MeteoGalicia.

Ademais, ofrecerá consellos para unha observación segura, especialmente no que atinxe á protección ocular, lembrando a necesidade de empregar lentes homologadas e en bo estado. Tamén incluirá recomendacións en ámbitos como a saúde, a mobilidade, a seguridade e a protección do medio natural.

A plataforma incorporará contidos divulgativos e educativos, como o programa Galicia explora o ceo. Camiño da eclipse de 2026, destinado a fomentar a alfabetización científica, así como recursos turísticos elaborados pola Axencia Turismo de Galicia en varios idiomas.

A Xunta continúa así coa planificación deste evento excepcional a través da comisión interdepartamental, na que participan varias consellerías e organismos autonómicos. Entre outras actuacións, estase a informar aos concellos sobre os requisitos para organizar eventos vinculados á eclipse, especialmente en zonas sensibles como espazos forestais ou áreas de alto risco de incendios.

O obxectivo é facilitar unha experiencia segura e organizada, atendendo a retos como a mobilidade, a prevención de riscos ou a protección do entorno, ao tempo que se aproveita o potencial turístico e divulgativo dun fenómeno que converterá Galicia nun punto privilexiado para a súa observación.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.