En marcha unha iniciativa para recoñecer en Ribeira a memoria e o legado de Francisco Domínguez, Quico

24 Abril 2026

Co inicio do novo ano púxose en marcha en Ribeira unha iniciativa para recoñecer, lembrar e homenaxear a figura do enxeñeiro industrial, investigador e intelectual galeguista Francisco (Quico) Domínguez, veciño do Pombal (Santa Uxía) recentemente falecido. A proposta, que xa conta con múltiples apoios de entidades culturais e colectivos locais, foi impulsada por Xosé Manuel e Pura Gago Domínguez, sobriños de Quico Domínguez, xunto con Andrés Fariña Cadenas, amigo persoal de Quico, e por Santos Oujo Bello (presidente fundador do Ateneo Valle-Inclán, con sede en Ribeira).

A iniciativa consiste nunha solicitude ao Concello de Ribeira para que sexa dedicado un espazo público a Quico Domínguez no barrio onde viviu a súa nenez e xuventude antes de marchar a estudar a Vigo e posteriormente a Bilbao.

“Cremos que Quico ben o merece, tendo en conta a súa paixón e entrega ao longo de toda a súa vida, tanto á lingua e á cultura galegas como a labores de axuda ás persoas máis necesitadas. Desexamos todos profundamente poder crear este pequeno e, á vez, grande espazo do galeguismo en Ribeira”, sinalan os impulsores da iniciativa, que, malia a cifra importante de apoios xa conseguidos fan un chamamento a seguir pechando fileiras arredor da súa proposta e lograr novas adhesións.

Entre entidades que xa comunicaron a súa adhesión á iniciativa inclúense (entre outras) a Asociación Ateneo Valle-Inclán, Cáritas de Ribeira, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Editorial Galaxia, a Fundación Penzol -que presidiu o propio homenaxeado-, a Fundación Xaime Isla, Cáritas Tui-Vigo, a Editorial SEPT (Seminario de Estudos, Publicacións e Traballos) ou o Centro Galego Bizkaia-Barakaldo,

Tamén, a título individual, persoeiros locais da cultura como o teólogo de Aguiño Andrés Torres Queiruga, os sacerdotes Cesáreo Canabal e Alfonso Mera (ex-párroco e párroco actual de Santa Uxía), o historiador e xornalista Xosé María Fernández Pazos, o escritor, historiador e profesor Carlos Callón, e o tamén xornalista Fernando Sarasketa. Amais, sumouse á proposta o sacerdote e doutor en Teoloxía Xosé Fernández Lago, con quen Quico Domínguez traballou na tradución da Biblia ó galego, directamente das linguaxes orixinarias.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Eu son unha persoa seria, non coma outros” – Antón Luaces

“Eu son unha persoa seria, non coma outros” – Antón Luaces

A frase é do expresidente do Goberno socialista Felipe González Márquez. Rotundo, seguro, sabedor do que foi e do que é?. Pode que si.  Díxoo despois de que o expresidente do Congreso, José Bono, explicara nun mitin que non fixera o parvo, que a el o PSOE débelle...

“Alfredo Sánchez Carro”. Xulio Xiz

“Alfredo Sánchez Carro”. Xulio Xiz

Que dificil, Alfredo, ter as palabras xustas para despedirte.Pero como o teu eran as palabras e obras, e se as obras son amores, ás obras me vou a referir, para que os lucenses as recorden; para que os lucenses te recorden. El Progreso Lembras, Alfredo, - lembrabas, e...