Os Concellos do Barbanza van facer cortes de tráfico na xornada deste xoves 16 de abril polo paso da proba ciclista O Gran Camiño, cuxa etapa de hoxe discorre entre Carballo e Padrón pasando, entremedias, por boa parte dos concellos da nosa comarca.
En Outes
En Outes produciranse cortes de tráfico puntuais ao paso da carreira polo que o Concello pide que se extreme a precaución. Está previsto que os ciclistas entren no concello sobre as 14.00 horas dende Mazaricos, pola DP-4502, discorrendo a carreira entre O Areal e A Serra, onde tomará a avenida de Compostela en dirección Noia.
En Noia
Segundo informou o Concello, “Noia converterase nun punto clave do percorrido, ofrecendo unha oportunidade única para ver de preto a grandes figuras do ciclismo profesional e vivir o ambiente dunha competición de máximo nivel”. Así, un dos mellores lugares para seguir a proba será a Alameda de Noia, “un espazo perfecto para desfrutar do paso do pelotón con comodidade e ambiente”. A estimación de paso é entre as 14:30 e as 15:00h. Este treito horario (e mesmo antes) é o que concentrará os cortes de tráfico.
No Porto do Son
No Porto do Son a chegada da terceira etapa de O Gran Camiño está prevista ás 15.05 a Portosín e arredor das 15.15 a Porto do Son, onde collerán a rotonda dirección Ribeira, seguindo pola AC-550 nesta dirección. Os horarios poden variar en función da velocidade dos ciclistas. Haberá cortes puntuais para garantir a seguridade.
En Ribeira
No caso de Ribeira, o Concello de Ribeira informa de que se producirán cortes no tráfico nas AC-550 e AC-305 como consecuencia do paso do pelotón ciclista O Gran Camiño polo municipio. Estímase que os ciclistas fagan a súa entrada ao concello polo sobre as 15.30 horas, pola zona de Oleiros, para seguir dirección a rotonda de Xarás, baixar pola avenida de Ferrol e coller na rotonda de Padín pola avenida da Coruña cara a Palmeira e rematar o seu periplo polo termo municipal sobre as 16.00 horas. O horario é unha estimación, pois dependerá da velocidade do pelotón nesta etapa, se ben o tráfico estará regulado pola Garda Civil e Policía local, co apoio do GAEM.
En Boiro
En Boiro está previsto que os deportistas cheguen a Escarabote aproximadamente ás 15.50 horas percorrendo a avenida de Compostela e a rúa principal para continuar pola AC-305 dirección Rianxo. Debido ao paso dos ciclistas, produciranse cortes puntuais de vías.
En Rianxo
Os ciclistas da proba profesional galega atravesarán o municipio rianxeiro antes de continuar cara a Padrón, nunha etapa de 173 km e 2.453 m de desnivel. Agárdase que os ciclistas entren dende Boiro ás 16:00 horas.
Atravesarán Taragoña pola AC-305 ata o Araño e iniciarán a subida ao Pico Muralla dende a propia AC-305 (cruce xunto o Bar Nova Era).





