A Deputación da Coruña completou este luns 13 de abril a primeira xornada da súa participación no 39.º Salón Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de alta gama que se celebra ata o xoves no recinto feiral de IFEMA, en Madrid, cun amplo programa de actividades orientadas á promoción do produto local e da gastronomía da provincia. Ao longo da xornada, o espazo da Deputación, baixo o lema A paisaxe que sabe, acolleu diferentes propostas gastronómicas e divulgativas que permitiron amosar a diversidade e calidade da produción agroalimentaria coruñesa.
A programación arrincou cunha degustación de café de especialidade de Cafés Aruba acompañada de tiramisú de café, seguida do relatorio e cata de viños impartidos por Luís Paadín baixo o título‘Betanzos: territorio branco lexítimo.

Xa en horario de mediodía, Noelia Rodríguez, do restaurante Casa Peto (Outes), protagonizou dous showcookings nos que elaborou mexillón en escabeche Leocadia e tosta de sardiña afumada de Portosín. Pola tarde foi a quenda do carballés Adrián Felípez, do restaurante Miga (A Coruña), que presentou elaboracións como peixe do día curado en auga de mar, sopa de xunco mariño e herbas do litoral escabechadas, e terrina de cabeza de porco celta con guiso de grelos e caldo de cocido.
A programación completouse con presentacións e degustacións de Gallegas de Nata (A Coruña) e A Conserveira (Ribeira), así como cunha proposta de Chichalovers (Santiago) arredor do bocadillo de rexóns, cogombros agridoces e salsa chipotle.
O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, valorou moi positivamente esta primeira xornada e destacou que “esta feira e a afluencia de público demostran o tirón da gastronomía galega e, sobre todo, do noso produto”.
Regueira puxo ademais en valor o labor desenvolvido polos chefs presentes nesta edición e salientou que “a parte de restauración que nos acompaña está facendo un traballo magnífico”, xa que permite ao público profesional “ver o produto e probalo en fresco directamente da man dunha cociña de primeiro nivel”.
O vicepresidente destacou especialmente o papel de Noelia Rodríguez e Adrián Felípez, que ao longo desta xornada “están resaltando o produto, o territorio e as posibilidades da nosa gastronomía e da provincia como destino turístico”.
Programación do martes
A Deputación da Coruña seguirá en Gourmets cunha intensa actividade o martes, mércores e xoves. Mañá volverá comezar cunha nova degustación de café de especialidade ás 11.00 horas e, ás 12.00, o relatorio e cata Barbanza e Iria: a expresión do albariño, tamén a cargo de Luís Paadín.
A partir das 13.00 horas repetiranse os demostracións de Noelia Rodríguez, mentres que Adrián Felípez ofrecerá novas creacións gastronómicas con pratos como guiso de mexillón encebolado, xema e broa de Carballo, e repolo estofado, sopa de berberechos e codium.
A xornada pecharase coas degustacións de Gallegas de Nata, A Conserveira e Chichalovers.
A presenza da Deputación neste foro profesional internacional enmárcase na campaña A paisaxe que sabe, coa que a institución provincial promove os produtos agroalimentarios e a excelencia gastronómica da provincia como parte da identidade do territorio.





