Anova-Irmandade Nacionalista celebrou este sábado 25 de abril en Rianxo a IIª Xornada Municipalista Galega, baixo o título Conquistar avances: coidados, migración e vivenda.
Trala primeira edición celebrada o pasado novembro en Santiago de Compostela, Anova deu un segundo paso no proceso de rearticulación do municipalismo galego transformador, apostando por “achegarse ás diferentes experiencias municipalistas de Galiza”.
Coa elección do 25 de abril como data para realizar esta segunda xornada, a organización soberanista buscou festexar o aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal, como símbolo da conquista democrática e social. Avances que só son posíbeis cando o pobo se organiza.
O debate decorreu en dúas mesas nas que diversas activistas e profesionais de distintos sectores reflexionaron sobre o dereito á vivenda, a necesidade dun sistema público e comunitario de coidados, e os dereitos das persoas migrantes.

Participaron na primeira mesa (sobre benestar, coidados e conquistas sociais) Hector López (traballador social e membro da Coordinadora Nacional de Anova), Victoria Rey Mariño, psicóloga e ex-directora de CIM (Centro de Información ás Mulleres), Teresa Elvira Muñiz, traballadora social e membro do colectivo Vico Sen Benestar, e Rodrigo Gil Cedillo, educador social e fundador da ONG Caguama Instituto de Migracións Ecosociais.
A mesa puxo o foco no estado actual do sistema de benestar e os seus retos e en como pasar de soster a ampliar dereitos a través dos servizos públicos, as municipalizacións e as redes comunitarias de coidados.
A mesa avaliou aspectos como os Bonos Coidado da Xunta ou as dificultades que representa un modelo que ofrece unha formación que ás veces é inaccesíbel para as persoas ás que vai dirixida.
“Precisamos un cambio de paradigma nos servizos sociais comunitarios. Precisamos pasar da linguaxe da fiscalización á linguaxe dos dereitos. Hai que buscar unha forma de que non tardemos tres meses en conceder unha RISGA (ou bastante máis) ou un IMV”, afirmou Rodri Gil, engadindo que “é hora de que os partidos e as organizacións fagan unha aposta decidida pola Renda Básica. Cal é o problema de que asumamos este dereito material como un dereito incuestionable, como o é a sanidade ou a educación?”.
“Temos un estado do benestar desactualizado, aínda que o investimento é maior. A sociedade vai por diante, as administracións chegan tarde. Temos un estado do benestar privatizado”, sinalou Teresa Elvira Muñiz, traballadora social e membro do colectivo Vigo Sen Benestar.
Na segunda mesa (a do acceso á vivenda como elemento de desigualdade) interviñeron Iván Rodríguez (membro da Permanente de Anova), Carla Leiras, do colectivo As Ninguéns, Ana Pardo, da Asociación Provivenda, e Barry Elhadj Mamadou, da Rede Veciñal de Apoio a Persoas Migrantes.
Esta mesa abordou o combate as loiadas (bulos) da extrema dereita sobre migración e vivenda, con datos e argumentos, construíndo un relato común da clase traballadora —autóctona e migrante— para debater sobre as políticas municipais concretas que garantan o dereito á vivenda digna: parque público, mobilización de baleiros, alugueiro social, acollemento e integración.
Carla Leiras, do colectivo As Ninguéns, abriu a mesa deste xeito: “Onte en Vigo había 33 pisos para alugueiro de longa duración por menos de 650 euros. Non temos un problema de construción de vivenda. Hai moita vivenda baleira e hai connivencia policial coas empresas de escadristas que están expulsando a persoas de casas, e actúan con total impunidade”.
Barry Elhadj Mamadou, da Rede Veciñal de Apoio a Persoas Migrantes, contou a súa experiencia persoal e o racismo sufrido en primeira persoa, os avais abusivos e a marxinación que sofren as persoas migrantes na tentativa de acceder a unha vivenda.





