A Xunta inviste 270.000 euros no peche da pista do instituto de O Porto do Son

02 Abril 2026

A Xunta de Galicia vén de adxudicar por case 270.000 euros as obras de peche lateral da pista deportiva do instituto de Porto do Son, unha actuación que executará a empresa Construcciones Iglesias Mera nun prazo estimado de tres meses desde o inicio dos traballos.

O proxecto ten como finalidade reparar os danos causados polos temporais, que provocaron o derrubamento de muros, e mellorar a protección da instalación fronte ás inclemencias meteorolóxicas e ao acceso non autorizado.

Para iso, construirase un peche de 3,75 metros de altura con paneis prefabricados de formigón e unha parte superior con chapa ondulada microperforada de aluminio, que permitirá a ventilación e a entrada de luz natural, ao tempo que protexe das choivas laterais. Ademais, instalaranse novos sistemas de evacuación de augas pluviais e renovarase a cuberta dos vestiarios con panel sándwich.

Esta intervención forma parte das primeiras 16 actuacións previstas este ano pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en centros educativos, cun investimento global superior aos 16 millóns de euros. No conxunto de 2026, a Xunta destinará 73,6 millóns de euros a infraestruturas educativas, un 4 % máis que no exercicio anterior.

No ámbito da comarca do Barbanza, o Goberno galego mobiliza máis de 8,5 millóns de euros ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Entre as actuacións xa realizadas destacan o cambio de cuberta no instituto de Porto do Son e no CEIP Santa Irene, así como rehabilitacións integrais en centros como o IES da Pobra do Caramiñal, o IES Plurilingüe Fontexería de Muros, o CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Rianxo e o CEIP Plurilingüe de Frións, en Ribeira.

Ademais, atópase en fase de licitación a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Praia Xardín, en Boiro, cun investimento previsto de 1,1 millóns de euros.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.