A Real Academia Galega de Ciencias premia proxectos con impacto social e a divulgación científica

15 Abril 2026

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este martes no Pazo de San Roque o acto de entrega dos seus premios anuais, recoñecendo investigacións e iniciativas que van máis alá do ámbito académico para xerar un impacto real na sociedade, así como o labor de divulgadores e xornalistas científicos.

O evento reuniu a destacadas autoridades do ámbito institucional, científico e académico, entre elas o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; e a reitora da Universidade de Santiago, Rosa M. Crujeiras, entre outros representantes.

Durante o acto, a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez, destacou a elevada calidade das candidaturas e subliñou o papel clave da ciencia e a tecnoloxía como motores do desenvolvemento económico. Neste sentido, incidiu na necesidade de reforzar a comunicación científica para combater a desinformación e achegar o coñecemento á cidadanía.

Entre os galardoados, o Premio á Transferencia de Tecnoloxía “Francisco Guitián Ojea” foi para o equipo liderado por Francisco Campos, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, polo desenvolvemento dun novo fármaco orientado a mellorar o tratamento do ictus isquémico. Este avance busca reducir o dano cerebral e mellorar a recuperación dos pacientes, nun contexto no que esta doenza afecta a miles de persoas cada ano en Galicia.

Pola súa banda, o premio “Fernando Calvet Prats” recoñeceu ao grupo de Control non Liñal da Universidade de Vigo, coordinado por Miguel Díaz-Cacho, que desenvolveu unha tecnoloxía para dixitalizar o proceso de selado de latas na industria conserveira. Esta innovación permite mellorar a eficiencia produtiva e os controis de calidade, reducindo desperdicios e optimizando recursos nun sector estratéxico para a economía galega.

No ámbito da comunicación, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas foi concedido á xornalista Teresa Rocamonde pola reportaxe “Os fármacos do centeo”, emitida na Televisión de Galicia, na que se aborda a historia dos primeiros medicamentos elaborados en Galicia a partir do caruncho do centeo. Ademais, outorgouse un accésit á reportaxe de Cinthya Martínez e Alejandro López-Benito sobre o uso da impresión 3D na planificación cirúrxica.

Finalmente, o Premio de Divulgación Científica recaeu no neurocientífico Xurxo Mariño, recoñecido pola súa ampla traxectoria na difusión do coñecemento científico a través de medios de comunicación, conferencias e actividades divulgativas dirixidas a todos os públicos.

Con estes galardóns, a Real Academia Galega de Ciencias pon en valor a importancia de conectar a investigación coas necesidades da sociedade, así como o papel fundamental da divulgación e do xornalismo científico para fomentar unha cidadanía crítica e informada.

Outros artigos

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...